CulturaCulturaÚltima horaVídeos

A moenda tradicional de olivas volve ao Muíño de aceite de Bendilló (Quiroga)

Ao longo da mañá deste domingo realizábanse demostracións no marco da Mostra do Aceite de Quiroga

 

A moenda tradicional de olivas volvía realizarse no antigo Muíño de Bendilló (Quiroga). Numerosas persoas achegábanse a partir das 11h. deste domingo 15 marzo ata esta aldea para comprobar como era o tradicional proceso de elaboración de aceite. Estas demostracións forman parte do programa da XXVI Mostra do Aceite de Quiroga.

 

 

O muíño consta de tres elementos principais: a pía de moer, o lagar e a decandora. Grazas á forza motriz dunha burra ou mula móvese o conxunto de roda, eixo e brazo. A oliva vaise botando coa man ou con cestas na tolva de madeira que vai deixando caer ao paso da moega, a medida que vai esmagando.

 

 

Despois, as olivas moídas, convértense nunha pasta que pasa ao lagar, onde se deposita entre capachos de esparto, separando o aceite dos restos máis sólidos.

 

 

Para facilitar o acceso do público dende o recinto da Mostra  do Aceite, situado na praza do Auditorio da vila de Quiroga, contábase dun servizo de autobuses de balde dende a citada praza con saídas ás 11h., ás 12h. e ás 13h. Tamén había algún peregrino que, seguindo o Camiño de Inverno, achegábase ata o muíño para velo funcionando.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button