ConcellosO BarcoÚltima hora

A mostra “Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote” estará no Barco do 16 ao 22 de xaneiro

A exposición chega da man de ABANCA e Afundación que asinaban un convenio co Concello

 

Na mañá deste xoves 8 de xaneiro asinábase no Barco de Valdeorras, un convenio entre Afundación e o Concello para realizar conxuntamente a exposición fotográfica “Arte e humor. O enxeño de Antonio Mingote”.

Desde que publicara o seu primeiro debuxo en Gente Menuda con tan só 13 anos, a traxectoria e éxito de Mingote foron imparables. En 1946 empezou a colaborar como debuxante en La Codorniz, onde permaneceu ata 1953. Posteriormente incorporouse ao diario ABC, no que estivo debuxando durante máis de cincuenta anos ata o momento da súa morte. Tamén colaborou con numerosos medios escritos como The New York Times, The Daily Telegraph, Blanco y Negro, Semana, Ínsula ou Interviú. Compaxinou o seu labor de debuxante co de xornalista e novelista e chegou a publicar máis de corenta obras, ademais de participar en pezas de teatro, cine e televisión.

A súa extensa traxectoria foi recoñecida con innumerables premios e distincións, entre os que destaca, por exemplo, o mérito de ser o primeiro debuxante en formar parte da Real Academia Española (RAE). Recibiu a Cruz de Caballero de la Orden de Isabel la Católica, o Premio Nacional de Periodismo en 1980, a Medalla de Oro del Ayuntamiento de Madrid en 1995, a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo en 1996, os doutoramentos honoris causa polas universidades de Alcalá de Henares e Rey Juan Carlos e, incluso, os recoñecementos como Alcalde Honorario do Parque de El Retiro en 1982 e como Cartero Honorario de España en 1998, entre outros moitos.

 

 

Esta colaboración asinada polo alcalde do Barco Aurentino Alonso, o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano, forma parte do proxecto Corrente cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a el “Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade”, indican dende a entidade.

A mostra, que será inaugurada o venres 16 de xaneiro ás 20 horas no marco da Festa do Botelo, poderase visitar ata o 22 de febreiro na Sala ABANCA do Barco de Valdeorras. O horario será os venres de 18 a 20:30 horas; os sábados de 12 a 14 e de 18 a 20:30 horas; e polas mañás, os grupos e colectivos, con previa reserva.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Back to top button