
A Deputación de Ourense continúa avanzando na recuperación da Mostra dos Viños da Ribeira Sacra ourensá, unha iniciativa que será retomada este ano con “nova forza” grazas á colaboración entre administracións locais e o propio sector vitivinícola.
Así o explicou o presidente provincial, Luis Menor, tras manter unha reunión de traballo con alcaldes, representantes políticos dos municipios que conforman a Denominación de Orixe vitivinícola (A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, O Castro de Caldelas, San Xoán de Río, A Pobra de Trives e Manzaneda), así como adegueiros, na que se deron novos pasos para concretar esta proposta que busca poñer en valor un dos principais sinais de identidade do territorio.
Este encontro dá continuidade ao celebrado o pasado 24 de marzo no Pazo Provincial, no que xa se acordara impulsar esta feira do viño como unha ferramenta clave de promoción da Ribeira Sacra ourensá .

Comisión organizadora e calendario
Na reunión quedou constituída unha comisión organizadora integrada por representantes institucionais (a alcaldesa de O Castro de Caldelas, Sara Inés Vega; e os alcaldes da Peroxa e A Teixeira, Manuel Seoane e Xosé Vázquez, respectivamente) e membros do sector, os adegueiros Carlos Rodicio, Jorge Ferreiro e César Enríquez “Cachín”. Esta comisión será a encargada de definir os detalles desta nova etapa da mostra.
Ademais, consensuouse a data da súa celebración, que terá lugar na fin de semana do 24 de outubro, coincidindo co remate das tarefas de vendima, como homenaxe ao traballo de viticultores e adegueiros. A partir de agora, e de maneira inmediata, o comité organizador avanzará no deseño das actividades e na elección do formato, que inicialmente se prevé itinerante, co obxectivo de percorrer diferentes puntos da Ribeira Sacra ourensá.
Promoción do territorio nun ano clave
O presidente da Deputación subliñou que existe unha “visión compartida e unánime” sobre a necesidade de recuperar esta mostra, entendida como unha acción fundamental para promocionar o viño e o territorio nun momento especialmente relevante.

Neste sentido, Menor destacou que esta iniciativa supón “un aliciente máis” nun ano no que a Ribeira Sacra aspira a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade, reforzando así o seu posicionamento como destino de referencia.
Unidade institucional e do sector
Finalmente, o titular do goberno provincial puxo en valor a “unión total” entre representantes públicos e adegueiros, aliñados no obxectivo común de recuperar esta mostra como motor económico e elemento de proxección exterior da provincia.
A Deputación reafirma así o seu compromiso coa dinamización do rural e coa posta en valor dos recursos propios, apostando por iniciativas que contribúan ao desenvolvemento sostible e á fixación de poboación no territorio.