CulturaCulturaÚltima hora

“A mostra Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II”, con varias máscaras ourensás, no Museo do Pobo Galego

Reúne pezas de Rumanía, Portugal, Italia e España xunto con outras pertencentes aos fondos do Museo

Unha das máscaras ourensás da mostra./ Foto: Carrera Grandes.

 

O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, inaugura esta tarde a exposición Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II. Unha mostra que convida a achegarse ao mundo das máscaras como expresión cultural universal, presente en festas, rituais, celebracións relixiosas e representacións teatrais de diferentes épocas e lugares do mundo.

A exposición, no marco do proxecto europeo MASKS, componse dunha coidada selección de 54 máscaras procedentes de Romanía, Italia, Portugal e España, todas elas pertencentes á colección privada do coleccionista e viaxeiro Nacho Rovira, que leva máis de corenta anos reunindo pezas desta arte ancestral por distintos países. A mostra complétase cunha ducia de máscaras dos fondos do Museo do Pobo Galego, froito do seu labor de recompilación, estudo, catalogación e conservación do patrimonio material e inmaterial vencellado ao Entroido galego.

Entre as máscaras españolas da mostra figuran as de Boteiro, Pantalla, Peliqueiro, Follateiro (todas ourensás) e a do Volante do Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba, Chantada).

En total, preséntanse 66 pezas que percorren os usos, tempos e significados da máscara, dando conta da universalidade desta manifestación cultural. Así, poderán verse pezas do Carnaval popular, ligadas ás festas de inverno e ao Entroido; máscaras empregadas en celebracións relixiosas, como o Nadal, a Semana Santa ou o Corpus Christi; exemplos do carnaval cortesán barroco e da Commedia dell’Arte, asociadas ao teatro e ás representacións escénicas da Europa moderna; máscaras funerarias, vinculadas aos rituais de despedida, á memoria e ao ciclo da vida e da morte; así como máscaras contemporáneas e de uso artístico, que amosan como estas tradicións continúan vivas e en permanente reinterpretación.

A proposta, impulsada pola Universidade de Valladolid a través da Cátedra de Estudos da Tradición, está coordinada e comisariada pola profesora Pilar Panero. A exposición inscríbese no proxecto europeo MASKS. Unveiling the Arts and Works behind the Masks (Descubrindo as artes e os oficios detrás das máscaras), impulsado pola European Education and Culture Executive Agency.

A inauguración da mostra tiña lugar esta tarde no claustro alto do Museo, espazo onde poderá visitarse até o 26 abril de 2026.

 

 

Actividades complementarias á mostra

Como parte da programación vinculada á exposición Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II, o Museo do Pobo Galego organiza unha visita comentada, da man da súa comisaria, Pilar Panero. A actividade terá lugar o venres, 30 de xaneiro, ás 16:30 horas, e require inscrición previa a través do correo deac@museodopobo.gal.

Ademais, no marco da programación didáctica do DEAC do Museo, están previstas diversas actividades arredor da mostra dirixidas aos centros escolares ao longo deste segundo trimestre do curso. Ademais, no marco do programa de educación e acción cultural do Museo, están previstas outras visitas especiais á exposición así como actividades para os centros escolares durante o segundo trimestre.

Fotos: Carreras

Back to top button