Elfos, Papás Noel, caixas de agasallos, candís, turróns, árbores de Nadal, Gringes… Os motivos e as figuras eran ben diferentes, algúns orixinais outros máis divertidos, pero todos centrados na temática do Nadal. Multitude de persoas de diferentes idades, todas disfrazadas para a ocasión tomaban esta tarde de 22 de decembro a saída na 18º Carreira do Turrón do Barco.

Os primeiros en facelo eran os nenos, ás 19:30h. dende a Fonte da Ra e ata Andrés de Prada (en tres saídas diferentes por idades), que tras rematar recibían unha medalla. Media hora despois era a quenda dos maiores xa dende esta citada praza. Tras completar o percorrido (que podía ser dunha ou varias voltas, camiñando ou correndo), os participantes voltaban ao punto de partida.

A carreira obrigaba a cortar ao tráfico a estrada xeral do Barco, á altura das rúas Marcelino Suárez e Conde Fenosa, así como o Paseo do Malecón e parte de doutor Pérez Lista. Para velar pola seguridade contábase coa Policía Local do Barco, con voluntarios de Protección Civil do Barco, Manzaneda, Petín e Vilamartín, así con Ambulancias Sil.
A carreira, organizada polo Concello do Barco, finalizaba pouco antes das oito e media e logo dábase paso á chocolatada, á entrega de premios, coa presenza do alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e das concelleiras de Medio Ambiente, Diana Urdangaray, e de Cultura, Margarida Pizcueta.

Os primeiros en recibir un agasallo eran os participantes con mascota, despois entregábanse os premios comezando polos das asociacións con máis número de asociados na proba: o primeiro premio era para Asfaval e o segundo para Morea. Despois recollía unha distinción o Adas Cupa como club con máis deportistas. Os premios aos disfraces individuais ían para unha parella de renos e para dous irmáns pequeniños disfrazados de elfos. En canto aos disfraces colectivos, os premios recollíanos Os Candis, os Carnavaleros, as Mamá Noeles Dormilonas, Os Gringes, Os Elfos, A Familia Elfos, o Turrón Suchard e os Cuchiabetos.
Esta 18º Carreira do Turrón do Barco, con máis de 1.100 inscritos nesta edición, concluía co sorteo de agasallos entre os participantes. Esta carreira tiña tamén un carácter solidario, con recollida de alimentos, era obrigatorio entregar alomenos un para recoller o dorsal. Así o lembraba ao final do sorteo o alcalde do Barco, quen agradecía á numerosa resposta, “sobre todo por este donativo que imos entregar a Cáritas”, e a gran participación. Ademais desexaba un moi Nadal e un venturoso 2026 aos asistentes.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.

A proba infantil, con 3 saídas diferentes, enceta a 18 Carreira Popular do Turrón no Barco