
A futura Lei de Medidas Integrais contra o Acoso e a Violencia Dixital de Galicia presentábase no Parlamento de Galicia o 6 de outubro. Este texto, que xa comezou a súa tramitación parlamentaria, ten como obxectivo “adoptar medidas integrais para a sensibilización, a prevención e a detección do acoso e da violencia dixital, así como para a protección e apoio ás persoas que a sofren, especialmente aos colectivos máis vulnerables: como menores, mulleres ou persoas LGBTI”. Ademais, tamén se busca “promover a formación de persoal da Xunta, do sector público e forzas e corpos de seguridade do Estado, así como establecer medidas de protección e apoio ás vítimas de acoso ou violencia dixital”.
Na lei, enténdese por acoso e violencia dixital “calquera conduta, incluídas as ameazas, cometida, instigada ou agravada, total ou parcialmente, mediante o uso de las tecnoloxías da información e da comunicación, que teña por finalidade ou produza o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa ou que sexa idónea para producilo, con independencia de que se manifeste de forma illada ou reiterada, e que cause ou poida causar danos físicos, psicolóxicos ou económicos”.
Esta futura norma contén tres títulos. O primeiro deles esta dedicado ás “Medidas de sensibilización, prevención e detección” , o segundo pon o foco na “Formación do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia e das Forzas e Corpos de Seguridade e o terceiro céntrase nos “Dereitos das vítimas de acoso ou violencia dixital”.
No proceso levado a cabo pola Xunta durante a tramitación do texto, inclúense as alegacións recollidas e “as reunións mantidas con vítimas e familiares, para escoitalas e coñecer por boca delas as súas necesidades e demandas”.
Entre as medidas, incluídas na norma sobresaen a inclusión obrigatoria de contidos formativos en competencia dixital nos currículos de todas as etapas educativas non universitarias e a aprobación dun Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso.
Ademais, a futura lei pretende promover acordos ou convenios con persoas e empresas dentro das competencias da Xunta, así como a posta en funcionamento dun servizo gratuíto de borrado da pegada dixital para suprimir material que continúe accesible en rede e que se empregou como instrumento de acoso ou violencia.
Por outra banda, o texto prevé a creación dun servizo gratuíto de asesoramento no que as vítimas recibirán apoio técnico e información para previr novos ataques ou supostos de violencia dixital e garantirase o acceso das vítimas a información, orientación e apoio xurídico, uns servizos que serán accesibles desde o primeiro momento, sen necesidade de denuncia previa. Ao mesmo tempo, tamén se inclúe a elaboración dunha guía informativa sobre os dereitos das vítimas de acoso e violencia dixital.
Plan de formación pioneiro
A finalidade desta iniciativa é “garantir a asistencia xurídica gratuíta para todas as vítimas de acoso e violencia dixital, con independencia da idade ou do xénero”.
Cómpre lembrar que a Xunta xa puxo en marcha un plan de formación pioneiro en España, que ten como obxectivo formar á totalidade do persoal técnico da Xunta en violencia de xénero dixital. Unha formación que, segundo Política Social, xa realizaron ata o momento máis de 200 profesionais (dos CIMS, da rede de acollemento, dos centros Quérote+, do colectivo LGTBI…).