SanidadeÚltima hora

A nova UCI do Hospital Universitario de Ourense comezará a funcionar o vindeiro martes

Alfonso Rueda visitaba hoxe as instalacións desta nova unidade no CHUO, o primeiro en contar cunha UCI preparada para pandemias

 

Esta mañá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitaba a nova Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que supuxo un investimento autonómico de máis de 10 millóns de euros e que está deseñada para reforzar a atención sanitaria na provincia. “Trátase de garantir que esta área conta cos aparellos e a tecnoloxía máis moderna para ofrecer o mellor servizo é ao mesmo tempo que sexan espazos cada vez máis humanizados”, indicaba

Ademais, durante a súa intervención, Rueda, que estaba acompañado por diversas autoridades, entre elas o conselleiro de Sanidade, o xerente da área sanitaria ourensá e o delegado da Xunta na provincia; sinalaba que este novo espazo “amplo, luminoso e preparado para que os traballadores” desenvolvan o seu labor “nas mellores condicións” é un bo exemplo “da medicina do futuro que cada vez é máis personalizada, humanizada e tecnolóxica”.

O novo espazo, que comezará a funcionar o vindeiro martes, está dotado con 3 módulos con 10 boxes cada un; deles, 6 boxes son de illamento; ademais de zonas de observación e locais de apoio. En total actuouse sobre unha superficie de 2.649m2, o que permitiu aumentar o espazo xa existente un 30%, pasando de 20 a 30 camas.

Esta nova UCI converte ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense no primeiro en contar cunha unidade preparada para a posible irrupción de pandemias, con espazos adaptados, máis boxes de illamento e circuítos de aire individualizados. A nova unidade conta, ademais, con camas de altas prestacións, equipamento punteiro que facilita a asistencia médica, seguimento dos doentes e labor de coidados de enfermería.

O xefe do Executivo galego salientou a importancia de contar con infraestruturas sanitarias modernas, eficientes e dotadas dos mellores medios e profesionais. Neste senso, puxo en valor as actuacións recentes levadas a cabo na provincia de Ourense, con proxectos que suman máis de 80 millóns de euros de dotación, e que inclúen, entre outras, a obra de ampliación e reforma do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense que está executándose e supera os 52 millóns de euros de investimento; a nova área de urxencias no hospital de Verín e a ampliación das áreas hospitalarias de día e farmacia no Hospital do Barco de Valdeorras.

O ano pasado, pasaron pola UCI de Ourense preto de 1.100 persoas, cunha estancia media lixeiramente por riba dos 5 días de ingreso. Coa nova unidade, búscase mellorar os resultados en saúde da provincia e seguir rebaixando os tempos de espera.

 

Back to top button