
O vindeiro martes día 27 de outubro, ás 12 horas estará no Barco de Valdeorras a obra de teatro Melón Pelado. Farsa non-infantil para Caixa de Bonecas do director e docente teatral Xavier Castiñeira, unha coprodución do Ministerio de Cultura, ButacaZero e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía dirixida aos centros educativos do concello.
Melón Pelado propón unha viaxe iniciática de cara a lugares da historia nin escritos ni contados -nin moito menos fotografados- reflexionando sobre o propio feito da memoria do atopado. E faio a través de dúas titiriteiras (Nuria Gullón e Cris Collazo) que abren unha caixa de bonecas que en realidade é un baúl dos recordos. “Arranca o conto. Mil novecentos trinta e… Ameniza o espectáculo a Banda de Música da Vila (de calquera vila). Entre o Posto de Churros e a Caseta do Anís comparece a procesión, o desfile, a comparsa. Pero trátase dun desfile dantesco de bonecas rapadas. A obra parece -sen dúbida- un esperpento. Pero de Valle… non é”.
É o argumento deste segundo proxecto escénico no que ButacaZero (plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica ), aborda o tema das rapadas da Posguerra Civil. Esta pequena peza de teatro de obxectos está escrita por Esther F. Carrodeguas (dramaturga, empresaria e actriz) que “decide recuperar o tema das rapadas xa que precisamente a obxectualización das protagonistas favorecía un discurso crúo sobre o tema que axudaba á ironización dunha temática durísima”, explican dende a compañía que pretende “achegar a peza a todos os recunchos posibles grazas á versatilidade e facilidade de xira que fomenta o formato, que só precisa dun pequeno espazo onde pousar o baúl… e un enchufe convencional (220v)”.
