O Concello de Quiroga ten organizadas diversas actividades con motivo da celebración das Letras Galegas. Baixo o título do “Mes das nosas Letras” englóbanse teatro, concertos musicais, presentación de obras literarias e o certame de narración e debuxo Letras Galegas 2026.
A primeira das actividades será este domingo, 10 de maio. O Auditorio Municipal acollerá, a partir das oito do serán, a representación da obra “O Transgredir das ondas”, con texto de Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 e interpretada por Rocío González, da compañía Berrobambán, baixo a dirección de Chiqui Pereira.
Unha peza unipersoal que reivindica a condición de xornalista radiofónica de Begoña Caamaño (Letras Galegas 2026) abordando temas fundamentais na súa obra como a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade e implicación cos problemas dos sectores sociais máis desfavorecidos e a importancia da liberdade de expresión no xornalismo. Rocío González dá vida a unha xornalista que recibe en herdanza un caderno dunha amiga íntima de Begoña Caamaño e que decide realizar a gravación dun pódcast en directo para expoñer algunhas das facetas menos coñecidas da escritora.
A partir da relación entre as anotacións no diario e os diferentes momentos da vida profesional de Caamaño, vaise reconstruíndo ante o público a traxectoria dunha creadora excepcional, implicada co feminismo e cos diversos movementos sociais en que participou. Con todo, durante a gravación deste pódcast aparecerán diversos problemas técnicos que transformarán as ideas iniciais da xornalista e influirán de forma decisiva no seu relato, coma se o propio espírito de Begoña quixese puntualizar algunhas das pasaxes narradas e, do mesmo xeito que as protagonistas das súas novelas, ser dona da súa propia historia.
