
O Concello de Ourense organiza unha nova edición do Halloween, que o sábado, 31 de outubro, volverá converter a cidade no punto de referencia desta celebración, cada vez máis popular e participativa.
A coincidencia en sábado supón un aliciente máis para esta cita, cuxa programación aposta por consolidar as súas propostas de rúa: obradoiros, túnel e desfile do terror, flashmob ou o espectáculo de Chaioso. A parte musical achegará opcións para todos os públicos, desde o concerto infantil de Uxía Lambona ata a orquestra París de Noia e a sesión nocturna da Gramola.
“Desde hai anos temos o mellor Halloween de España e este ano cae en sábado, co cal vai ser histórico”, asegura o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. “Estamos preparando un espectáculo tremendo, onde vai haber un desfile que cada vez vai a máis, túnel pechado e pasarrúas do terror, e moitas actividades máis. Queremos animar á xente a que participe. Creo que en Ourense xa temos esta tradición: os comercios vístense de gala e cada vez hai máis merchandising. O Halloween está por todas partes”, asevera o rexedor.
Programa
17-1945 h. Obradoiro de Cabazas e Maquillaxe no Parque de San Lázaro.
18:30-23h. Túnel do terror na Praza do Bispo Cesáreo.
19-19:45h. Desfile do Medo. Parque de San Lázaro – Paseo – Praza Maior.
19-23:30h. “Santa Eufemia Encantada por Chaioso”, na Praza de Santa Eufemia.
19:45h. Animación de Rúa na zona dos Viños.
20-21h. Concerto infantil: Uxía Lambona e a Banda Molona, na Praza Maior.
21h. Flashmob Zombi na Praza de San Martiño.
00-3h. Orquestra París de Noia, na rúa do Progreso.
00-3h. A Gramola, na Praza Maior.