
A parroquia de Santo Estevo, na Rúa, recuperará este venres 26 de decembro a procesión na honra ao seu santo patrón, unha tradición que levaba máis de 70 anos sen celebrarse.
Tal como explican dende a parroquia, non se trata da imaxe do santo que preside o retablo da igrexa, senón dun Santo Estevo procesional que se conservaba na casa parroquial. “Debido ao notable deterioro que presentaba a imaxe, a parroquia decidiu acometer a súa restauración e, ao mesmo tempo, recuperar a procesión, como xesto de posta en valor do patrimonio relixioso e devocional da parroquia”, explica, indicando que a imaxe foi restaurada polo taller especializado RestaurArt, devolvéndolle o seu policromía orixinal e a súa dignidade artística, permitindo así que volva a procesionar con seguridade e respecto.

A celebración comezará coa procesión e a misa solemne, que terán lugar ás 12:30 horas, na igrexa parroquial e como colofón festivo á xornada, a Asociación Sabugueiro ofrecerá a partir das 17 horas unha chocolatada no atrio da igrexa, aberta a todos os veciños e visitantes, para celebrar conxuntamente a festividade de Santo Estevo.
Con esta recuperación, a parroquia quere “non só rescatar unha tradición histórica, senón tamén fortalecer o sentido de identidade e pertenza ao redor do seu patrón e á vida comunitaria do pobo”.

