A sensibilidade polo grave incendio que hai pouco máis dunha semana arrasaba Valdeorras, poñendo en perigo casas e ata persoas, así como a solidariedade coa xente máis afectada, facía que a Asociación Cultural Sabugueiro, da Rúa Vella, tomara a decisión de suspender as Festas de San Roque que con tanto mimo e ilusión organizaran e que debían celebrarse nesta fin de semana.





Foron momentos moi duros os vividos, co lume moi preto das casas na zona máis rural da Rúa (Roblido, Fontei, Vilela, Somoza e San Xulián) e a todos os afectados estivo adicada a misa celebrada no mediodía deste domingo 24 de agosto na igrexa de Santo Estevo, na honra a San Roque.
Unha eucaristía presidida polo párroco, Daniel Pérez Quintela, que remataba coa solemne procesión que levaba ao santo de regreso á súa capela no campo de San Roque, onde permanecerá ata o inicio da novena o ano que vén. Alí, como vén sendo habitual, os devotos tocaban e bicaban a imaxe do seu benquerido patrón, ao que de seguro lle pedían polos que están a sufrir as consecuencias desta traxedia que esperamos non volva suceder. Como ofrenda, pequenos panes levados en cestos por dúas mozas.





Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.