A RúaConcellosÚltima hora

A parroquia ruesa de Fontei celebrará un triduo polo centenario das aparicións da Virxe de Fátima en Pontevedra

Procesión da despedida da Virxe de Fátima, o 13 de maio en Fontei./ Foto: Arquivo Carlos G. Hervella.

 

A parroquia da Nosa Señora de Fátima de Fontei, na Rúa, celebrará os próximos 7, 8 e 9 de outubro un triduo extraordinario na honra á nosa Señora de Fátima, co gallo do centenario das aparicións da Virxe a sor Lucía en Pontevedra (1925-1926). “Nelas, a vidente de Fátima recibiu o encargo de difundir a devoción dos cinco primeiros sábados en reparación ao Inmaculado Corazón de María”, din dende a parroquia, explicando que o triduo servirá como preparación espiritual para a peregrinación parroquial a Pontevedra do sábado 10 de outubro, onde os peregrinos participarán no Ano Xubilar concedido con motivo deste centenario.

 

Virxe de Fátima./ Foto cedida.

 

Así, durante os tres días, a imaxe da nosa Señora de Fátima baixará do seu lugar habitual no retablo para permanecer máis preto dos fieis. “Será ademais unha ocasión especial para contemplala tras o recente labor de limpeza e conservación, que permitiu recuperar con maior claridade as cores e detalles da talla”, explica o párroco, Daniel Pérez, destacando que os fieis poderán apreciar tamén un elemento incorporado recentemente á imaxe “a coroa de espiñas dourada que rodea o corazón da Virxe, signo directamente relacionado coas aparicións de Pontevedra e coa mensaxe de reparación ao Inmaculado Corazón de María”.

 

Virxe de Fátima./ Foto cedida.

 

Cada xornada comezará coa Santa Misa ás 20 horas, seguida do exercicio propio do triduo, que terá como lema as palabras dirixidas a sor Lucía “Ti, polo menos, procura consolarme”; e ao longo dos tres días percorreranse tres aspectos fundamentais da mensaxe de Pontevedra, “contemplar o Corazón de María, acompañala e responder á súa chamada”, adiantan dende a parroquia que convida a todos os fieis da Rúa e da comarca aparticipar nestas celebracións extraordinarias, acudan ou non despois á peregrinación a Pontevedra.

Back to top button