Dentalnova, clínica dental de referencia en Ourense, continúa consolidando un proxecto propio que conecta saúde, cultura e benestar coa inauguración da exposición Ecos del ayer, miradas de hoy da artista Menchu Abril. A inauguración terá lugar o venres 16 de xaneiro, ás 19:30 horas, na sede da clínica (Rúa Concordia, 28), cun acto que contará coa presenza da artista, o comisario da exposición Manuel Estévez e representantes da Fundación Dentalnova, quen ofrecerá unha visita guiada pola exposición e polo propio espazo da clínica. Despois poderá visitarse no horario habitual de clínica.
Esta exposición forma parte do proxecto de Dentalnova para concibir a clínica como un espazo de coidados, pensado para mellorar a experiencia do paciente e reducir a tensión asociada a acudir ao dentista. A integración da creación artística na contorna clínica contribúe a humanizar as visitas e crear un ambiente confortable, no que tecnoloxía, deseño e atención sanitaria conviven de forma orgánica.

A mostra reúne unha selección de obras que reflicten unha traxectoria artística marcada pola investigación constante e a convivencia de linguaxes diversas.
Menchu Abril desenvolve a súa pintura en diálogo coas súas vivencias e cos lugares que visitou, transitando por estilos como o impresionismo, o realismo, o pop art ou a inspiración na cartelería Art Déco das décadas de 1920 e 1930. Esta variedade formal responde a unha actitude de exploración permanente e á procura de novos retos técnicos, incluídos exercicios de gran complexidade como o hiperrealismo.

Nada en León e vinculada a Galicia desde hai anos (viviu 25 anos no Barco de Valdeorras e agora reside en Vigo), Menchu Abril iniciou a súa relación coa pintura na infancia e desenvolveu unha traxectoria maioritariamente autodidacta. Tras compatibilizar durante anos a creación artística coa súa vida profesional e familiar, a partir da década de 2000 a pintura pasa a ocupar un lugar central no seu traballo, evolucionando desde un realismo minucioso cara a unha pincelada máis libre e expresiva.
