
Tras o anuncio de novas frecuencias do AVE na estación Porta de Galicia, realizado no día de hoxe polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e polo presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, a Plataforma Dereito ao Tren cuxa representación acudía ao Concello da Gudiña, “valora positivamente os pasos que se deron para avanzar cara á recuperación de horarios útiles na estación da Gudiña Porta de Galicia”.
“Porén” aseguran, “lembramos que desde o pasado 9 de xuño de 2025 cada día pasan 22 trens pola Gudiña e só 6 paran, 3 en cada dirección. Non é unha cuestión técnica, é unha decisión política a que deixou sen dereitos de mobilidade a miles de persoas de Trives, Valdeorras, Viana, Verín, A Limia e concellos limítrofes de Zamora e o norte de Portugal”.
Por iso, aseguran que considerarán que o problema está realmente solucionado “cando vexamos feitos certos: horarios útiles publicados, billetes á venda en franxas útiles e prazas suficientes para que haxa desprazamentos no mesmo día que permitan ir e voltar para atender o traballo, os estudos, unha consulta médica ou unha xestión administrativa, tanto en dirección Madrid como cara ao interior de Galicia. A pesar do avance nos horarios de mañá, quedanos por resolver os horarios da tarde, donde se ten que producir un avance para que sexan completamente útiles”, din.

Avanzan que “en representación da cidadanía, a Plataforma Dereito ao Tren seguirá traballando para que se estableza unha Obriga de Servizo Público na Gudiña que asegure a continuidade de uns horarios útiles e suficientes na estación Porta de Galicia”.
Finalmente, adiantan que “mentres non haxa horarios útiles, unha obriga de servizo público e uns abonos xustos que integren plenamente a Gudiña no sistema ferroviario estatal, continuaremos a nosa mobilización, e mantemos a convocatoria para o vindeiro mércores 25 de marzo ás 11:30 horas diante da Subdelegación do Goberno en Ourense”.
Fotos: Carlos G. Hervella.