
A Plataforma Dereito ao Tren vén de emitir un comunicado de prensa no que valora “positivamente que o vindeiro 20 de maio RENFE poña en circulación os trens de primeira hora da mañá, recuperando así parte dos horarios eliminados o 9 de xuño de 2025. Este paso é un avance importante cara a uns horarios útiles para a cidadanía e demostra que a mobilización social dá resultados”.
A plataforma quere, en primeiro lugar, “agradecer á cidadanía a súa implicación, a súa constancia e a súa capacidade de organización durante estes meses. Sen a resposta veciñal, a presión social e a participación de tantas persoas afectadas nas comarcas de Trives, Valdeorras, Verín, Viana, A Limia e o norte de Portugal, non se terían producido os avances que agora se poñen en marxa. Os logros conseguidos ata agora son froito directo desa mobilización colectiva”.
Tamén se indica dende a plataforma que “a recuperación destes trens de primeira hora supón un avance na dirección correcta porque axuda a reconstruír horarios útiles para desprazamentos reais, especialmente para xestións, traballo, estudos e citas sanitarias. A plataforma subliña que o obxectivo segue sendo dispoñer dun servizo ferroviario que permita ir e voltar no día, sen obrigar a perder xornadas enteiras nin a renunciar ao tren como medio de transporte cotián”.
Aínda así este colectivo matiza que “quedan aínda obxectivos pendentes que deben ser abordados con urxencia. Segue sendo necesaria a mobilización para conseguir bonos axeitados desde a estación da Gudiña, mellorar os horarios útiles para os desprazamentos a Ourense, Santiago, Coruña e Vigo, reforzar a conexión co autobús desde O Barco e desde Verín, e acometer as melloras pendentes na estación: zona climatizada no andén, ascensor e aparcadoiro. Mentres estas demandas non se fagan realidade, a plataforma manterá o seu traballo e a súa presión social para defender un tren útil, digno e accesible para o territorio”.