En portadaÚltima hora

A Plataforma Veciñal “Dereito ao Tren” inicia as súas reunións informativas en Viana do Bolo

 

A Casa da Cultura de Viana do Bolo convertíase na tarde deste 11 de xuño en escenario da primeira das reunións informativas que a “Plataforma Dereito ao Tren” realizará polos diferentes municipios afectados pola supresión de servizos de alta velocidade na Estación Porta de Galicia da Gudiña.

Varios representantes da plataforma, encabezados polo seu voceiro, Rubén Riós, explicaban os obxectivos deste colectivo, as posibles liñas de traballo e intercambiaban impresións coa veciñanza sobre as actuacións e medidas de presión que se poderían levar a cabo para facer valer as súas demandas.

“Esta é unha plataforma aberta, o que queira estar, vai estar e participar e o que non queira, non estará”, comezaban dicindo. Tamén pedían a colaboración, “compromiso e implicación veciñal, temos que estar todos e o obxectivo desta reunión é que todos os que esteades interesados que fagades de altofalante, que contactedes e que vos sumedes”.

 

 

Entre as actuacións a levar a cabo citábase a elaboración dun manifesto que inclúa, entre outras cuestións, a necesidade de que ofreza na Estación da Gudiña “un servizo útil e digno e suficientemente amplo con horarios, frecuencias, un servizo digno que realmente poidamos depender del e confiar nel”.

Tamén se solicitaba que as persoas que utilizaban as frecuencias perdidas do tren de alta elaboren vídeos (cun máximo de 40 segundos e fondo neutro) aportando o seu testemuño e que llos fagan chegar a plataforma, así como a recollida de sinaturas a favor da recuperación deses servizo. Neste senso xa se repartían papeis para iniciar esa recollida (de feito, tras a reunión xa comezaban a asinarse os papeis).

 

 

En canto ás posibles mobilizacións a levar a cabo, falábase das diversas posibilidades, indicando que se vai ir paso a paso, comezando pola vía do diálogo, pero sempre escoitando as opinións e suxerencias da veciñanza. “Iremos vendo que podemos facer e poñéndoo en marcha”.

 

 

Ademais abordábase á incorporación a esta plataforma veciñal dos representantes dos Concellos, que onte acordaban nunha reunión na Gudiña integrarse neste colectivo. “Imos manter unha reunión con eles para ver cuestións como coordinar a loxística e a axuda” de cara a levar a cabo diferentes actuacióins, sinalaba.

Finalmente comentábase a intención de establecer comunicación coa plataforma creada en Sanabria, “imos contactar con eles, pero creo que temos que ser esencia propia”, matizaba Rubén Riós.

A seguinte reunión informativa da plataforma coa veciñanza terá lugar o 14 de xuño no Multiusos da Mezquita.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button