
O da Pobra de Trives e outro dos concellos que ten no Cristo a un dos seus patróns, ao que honra por todo o alto nesta fin de semana.
Marcada nesta ocasión polos incendios que afectaron a comarca, a festa comeza na noite deste sábado día 13 de setembro coa actuación a partir das 22 horas na rúa San Martiño do grupo Assia, un clásico nas celebracións estivais en moitas localidades da provincia.

Mañá, domingo 14 de setembro, será o día grande do Cristo que comezará en torno ás 10 horas cun pasarrúas da Banda de Ramirás, previo á solemne procesión co Santísimo Cristo da Misericordia que comezará as 12 horas, acompañado polos sacerdotes e devotos que se concentran na confraría que leva o seu nome. A súa formación data do século XVIII e ela é a responsable de conservar non só a tradición, senón a propia imaxe relixiosa que chegou a Trives dende Palestina a mediados de 1700.
Haberá tamén celebración eucarística ás 10 horas aínda que a misa maior será despois da procesión, na igrexa parroquial. Pola tarde, ás 18 horas, a Banda de Ramirás dará un concerto na praza do Pilón; e pola noite será a orquestra Capitol a encargada de amenizar a festa a partir das 21 horas na rúa San Martiño, en sesión de tarde e tamén verbena.