
En torno a dúas figuras relixiosas, o Santo Cristo da Misericordia e a Dolorosa, xiran as festas patronais na Pobra de Trives que se celebran neste mes de setembro cun completo programa relixioso pero tamén lúdico, dividido en dúas partes.
A primeira, na honra do Santo Cristo, comezará o sábado día 12 de setembro coa actuación a partir das 22 horas na praza do Reloxo, de Fuss Cover Band. A música volverá ser protagonista o domingo 13, con dobre sesión de estilos moi diferentes. O grupo tradicional Macizas Centrais de Trives amenizarán o vermú arredor das 13 horas; e a charanga El Tattoo será a encargada de poñer ritmo e son á festa de noite, a partir das 22 horas, na rúa San Martín.
Así chegaremos ao luns 14 de setembro, día grande, coa procesión do Santísimo Cristo da Misericordia que comezará as 13 horas, acompañado polos sacerdotes e devotos que se concentran na confraría que leva o seu nome. A misa maior será despois da procesión, na igrexa parroquial, seguida da sesión vermú a cargo da Banda de Música de Ramirás que tamén dará un concerto ás 18 horas. E pola noite, a partir das 21:30 horas chegará á Pobra de Trives a verbena xacobea “Camiñantes e Cantantes” a cargo de La Oca Band.

Ao ritmo da verbena xacobea rematará a primeira parte das festas en Trives que se retomarán o sábado 19 de setembro na honra da Virxe Dolorosa, con actos durante toda a fin de semana. Para ese sábado a partir das 22 horas está prevista a actuación de En Mala Hora, grupo de rock e pop afincado en Ourense que interpreta versións de grandes clásicos nacionais e internacionais que de novo fará bailar ao público trivés.
E xa o domingo 20 será o día da Virxe que terá o acto central a solemne eucaristía ás 13 horas, seguida pola multitudinaria procesión que levará á imaxe da Dolorosa por toda a vila, presidida polos membros da directiva da Confraría de Nosa Señora das Dores. Con todo o broche ás Festas do Cristo e da Dolorosa 2026 poñeráo a orquestra Gran Parada, grupo coruñés con máis de 50 anos de historia que ademáis de ter no seu repertorio a mellor música de baile conta tamén cos temas máis actuais e que amenizará o baile en sesión de tarde longa a partir das 21:30 horas na rúa San Martín