ConcellosTrivesÚltima hora

A Pobra de Trives presenta a súa programación de Nadal 25-26

Faroliños solidarios en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello de Trives vén de anunciar a programación oficial do Nadal 2025–2026, unha ampla oferta de actividades culturais, deportivas e familiares que se desenvolverán entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro.

A programación arranca o 22 de decembro coa celebración dun Obradoiro de Candeas na Casa da Cultura, no que as persoas participantes poderán aprender a elaborar as súas propias candeas de Nadal con mel de cera laminada de 11:30a 12:30h. Ao día seguinte, o 23 de decembro, a Casa Santa Leonor acollerá a presentación dos novos libros da autora Alejandra Techera ás 12h.

Ese mesmo día terá lugar a inauguración do Belén de Elías, instalado no CEIP Manuel Bermúdez Couso. Poderá visitarse diariamente, agás o 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro, en horario de 17 a 19h. Xa pola tarde, a partir das 19h, a praza do Concello será o escenario da Gala Faroliños Solidarios, un evento no que se intercambiará 1kg de alimentos por un farolillo, promovendo así a solidariedade veciñal nestas datas cunha das citas máis agardadas ano a ano na vila.

 

 

O 24 de decembro, ás 18h, Trives recibirá a visita de Papá Noel, que percorrerá as rúas do municipio antes de saudar ás familias na Praza do Pilón. A tradicional celebración das Prebadaladas, con uvas, badaladas e música en directo de Alberto Cunha, chegará o 26 de decembro á praza do Reloxo.

A música tamén será protagonista o 27 de decembro, cun concerto do recoñecido pianista trivés Fabio Álvarez, que actuará no Auditorio Julio Vázquez ás 19h. Xa o 29 de decembro, veciños e visitantes poderán gozar dunha Excursión a Pazolandia, en Ourense, con saída ás 9h. desde o Concello e regreso ás 15h. A programación continuará en xaneiro de 2026 coa celebración do Torneo de Fútbol Sala, que se desenvolverá os días 2 e 3 de xaneiro, e cuxo encontro final terá lugar o 4 de xaneiro.

O día 3 ás 18 horas terá lugar o Concerto de Reis do Orfeón Trivés no Auditorio Julio Vázquez. E o punto final ás celebración de Nadal organizadas polo concello trivés será o 5 de xaneiro, cando as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente percorrerán as rúas de Trives para saudar a todos os nenos e nenas nun dos momentos máis esperados destas festas.

 

Reis en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Desde o Concello de Trives convidan a toda a cidadanía a participar nestas actividades pensadas para todas as idades, co propósito de fomentar a convivencia, a cultura e o espírito festivo propio do Nadal.

 

Back to top button