
Durante a noite do xoves 27 de agosto, axentes da Policía Local de Ourense detiñan a un motorista despois de que presuntamente desatendese as indicacións policiais e seguise circulando por distintas rúas da cidade. “A intervención comezou arredor das 22:15 horas, cando unha patrulla observou unha motocicleta con dous ocupantes cuxa condución chamou a súa atención”, explican dende o Concello, engadindo que “ao requirir ao seu condutor para que detivese a marcha, este tería desobedecido as indicacións e continuaría circulando, polo que os policías iniciaron o seu seguimento”.
Unha vez interceptada a motocicleta, os axentes identificaron aos seus ocupantes. “Segundo consta nas dilixencias policiais, o condutor amosou resistencia a ser identificado, polo que foi necesario adoptar as medidas de seguridade axeitadas para evitar riscos para as persoas presentes”, indican dende o Concello, explicando que durante a actuación “localizáronse diversos envoltorios que contiñan substancias de distinta aparencia, cuxa natureza deberá ser determinada mediante as correspondentes análises periciais”.
O condutor foi sometido tamén a unha proba indiciaria de detección de drogas, que ofreceu “un resultado positivo pendente de confirmación polo laboratorio competente. Así mesmo, tramitáronse as correspondentes denuncias administrativas polas condutas observadas, sen prexuízo do resultado definitivo das probas e das decisións que adopten as autoridades”. O detido recibiu asistencia sanitaria e foi trasladado a dependencias da Policía Nacional, corpo ao que se lle entregaron a persoa detida, os efectos intervidos e as dilixencias practicadas para a continuación das actuacións.
O goberno municipal destaca a “profesionalidade, capacidade de reacción e prudencia dos axentes da Policía Local, así como a coordinación mantida coa Policía Nacional”, posto que “a intervención permitiu controlar unha situación potencialmente perigosa para a seguridade viaria e poñer os feitos a disposición das autoridades competentes”. Lembra tamén que as actuacións “están en fase de investigación e que toda persoa conserva plenamente o seu dereito á presunción de inocencia mentres non exista unha resolución xudicial firme”.