OurenseÚltima hora

A Policía Local de Ourense intervén en dúas actuacións por “presuntos intentos de roubo nunha vivenda e furto nun comercio”

Detén dúas persoas no primeiro caso e recupera unha prenda no segundo

 

Durante a fin de semanaa a Policía Local de Ourense levaba a cabo dúas intervencións relacionadas con distintos feitos contra o patrimonio por presuntos intentos de roubo nunha vivenda e furto nun establecemento comercial.

Tal como explican dende o Concello, na madrugada do domingo, 20 de setembro, unha dotación da Policía Local mobilizouse tras un aviso de que dúas persoas poderían estar intentando acceder de forma ilícita a unha vivenda na rúa do Ensino (O Couto). “Á chegada dos axentes, unha muller de 24 anos, foi interceptada nas inmediacións, e un home de 26 emprendeu a fuxida a través de patios interiores e distintos espazos de edificios próximos”. Durante o operativo “comprobáronse danos en accesos e ventás e foron localizadas diversas ferramentas susceptibles de teren sido utilizadas para forzar entradas, entre elas unha panca, un martelo e destornilladores. Tamén foron recuperadas varias tarxetas bancarias cuxa procedencia deberá ser determinada no marco das correspondentes dilixencias”.

O dispositivo despregado pola Policía Local permitiu finalmente localizar ao segundo implicado na rúa Xesús Soria, oculto nunha zona elevada próxima a unha cheminea. “Debido á dificultade do lugar e ao risco existente, foi necesaria a colaboración dos Bombeiros de Ourense. Os axentes mantiveron durante aproximadamente media hora unha mediación verbal coa persoa ata conseguir que depuxese a súa actitude e descendese de forma segura”, contan dende o Concello, indicanco que a actuación concluíu “coa detención das dúas persoas, sen que se producisen danos persoais. Unha delas foi trasladada preventivamente para valoración sanitaria antes de continuar coas dilixencias policiais correspondentes”.

 

 

Recuperada unha prenda tras un presunto furto nun comercio

A segunda intervención tiña lugar arredor das 11:50 horas do sábado 19 de setembro. A Sala Operativa 092 recibiu, a través do servizo de emerxencias 112, un aviso por un posible furto nun establecemento comercial situado no centro de Ourense. “Os axentes desprazáronse inmediatamente ao lugar, onde localizaron o responsable do establecemento xunto a unha muller sinalada como presunta autora da substracción”, explican dende o Concell, indicando que segundo a información facilitada aos axentes, “a muller abandonara o comercio sen efectuar o pago dunha chaqueta valorada en 169,95 euros”. A prenda puido ser recuperada e quedou novamente baixo a custodia do establecemento, polo que non se produciu finalmente perda patrimonial respecto do artigo.

Os axentes procederon a identificar as persoas relacionadas cos feitos, comprobar as circunstancias e recoller a documentación acreditativa do valor da prenda. Neste caso non se practicou a detención da presunta autora, instruíndose as correspondentes dilixencias para xuízo rápido sen detido, que foron remitidas ao Corpo Nacional de Policía para a continuación do procedemento.

Fontes do Concello destacan a “capacidade de resposta das dotacións da Policía Local e da Sala Operativa 092, tanto ante situacións de especial complexidade como ante requirimentos relacionados coa seguridade dos establecementos comerciais. Ambas as actuacións permitiron intervir de forma inmediata, recuperar efectos relacionados cos feitos e poñer as correspondentes dilixencias a disposición das autoridades competentes”.

 

 

Back to top button