
Axentes da Policía Local de Ourense localizaron na tarde do mércores, 2 de setembro, un vehículo cuxa subtracción fora comunicada previamente pola Policía Nacional. Tal como explican dende o Concello, tras recibir o aviso, unha patrulla iniciaba os labores de busca e localizou o automóbil na rúa Curros Enríquez. “Os axentes activaron as sinalizacións luminosas e acústicas e ordenaron deterse aos seus ocupantes, que inicialmente continuaron a marcha. O vehículo acabou deténdose ao non poder proseguir o seu percorrido. Nese momento, o condutor abandonou o automóbil e tentou afastarse a pé, e foi interceptado inmediatamente polos axentes nas proximidades”.
Ante a oposición mostrada durante a intervención, “os policías empregaron unicamente a forza mínima indispensable para proceder á súa detención”, explican, indicando que o afectado “foi informado de forma comprensible dos motivos da actuación e dos dereitos que legalmente o asistían. Tamén se lle ofreceu asistencia médica, que rexeitou”.

A segunda persoa que viaxaba no vehículo permaneceu no lugar e foi trasladada a dependencias policiais a efectos de identificación e de realización das correspondentes dilixencias. “Durante a comprobación do automóbil localizáronse no seu interior diversas ferramentas e efectos, que quedaron a disposición da Policía Nacional para determinar a súa procedencia e a súa posible relación cos feitos investigados”.
A actuación concluíu co traslado do vehículo recuperado e das persoas implicadas a dependencias policiais, onde se continuaron as dilixencias oportunas. Fontes do Concello destacan a “rapidez, profesionalidade e proporcionalidade da intervención da Policía Local, así como a eficaz coordinación mantida coa Policía Nacional”, xa que esta colaboración permitiu localizar o vehículo pouco despois de recibirse o aviso, controlar a situación e poñer os feitos en coñecemento do corpo encargado de continuar a investigación.
“As actuacións permanecen abertas, polo que debe respectarse, en todo caso, a presunción de inocencia das persoas afectadas mentres non exista unha resolución xudicial firme”, conclúen dende o Concello.