Cunha misa solemne na catedral de Ourense comezaba ás 12h. deste 2 de outubro os actos da celebración dos Anxos Custodios, patróns da Policía Nacional. Despois, no Auditorio Municipal tiña lugar a cerimonia de entrega de medallas no Auditorio Municipal, nun acto presidido polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos Martínez, e no que participaban tamén outras autoridades como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, ou o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e por suposto o comisario xefe provincial da Comisaría de Ourense, Juan Cástor Vázquez Salgado.
Santos, agradeceu esta mañá no acto pola festividade da Policía Nacional o seu traballo aos membros do corpo, que fai de Ourense unha das cidades máis seguras de España. En paralelo, animounos a atallar os futuros retos de seguridade para que a tranquilidade, convivencia e benestar da veciñanza sigan asegurados.
Ademais o subdelegado do Goberno en Ourense apuntou os focos de traballo do futuro, sinalando a ciberdelincuencia, os delitos de odio ou a loita contra a violencia machista como os grandes retos que a Policía xa atalla e seguirá atallando. Como exemplo do bo facer policial, o subdelegado sinalou a acción do Plan Director do Ministerio de Interior nos centros educativos e na súa contorna para previr consumo de drogas e condutas aditivas, acoso, ciberacoso, violencias machistas, e outros delitos e comportamentos que afectan aos menores. “A Policía Nacional aposta por este Plan de forma decidida, facéndoo funcionar e garantindo que chegue cada a ano a alumnos e profesores de colexios e institutos”, expuxo Santos.

O subdelegado salientou o traballo dos axentes de Policía subliñando que representan “unha institución que día tras día vela pola nosa seguridade e tamén pola nosa liberdade e, como resultado, pola convivencia na nosa sociedade”. Dese xeito se entenden as boas cifras de seguridade en Ourense, “unha cidade para vivir”. Como garante de que isto siga sendo así “está o Goberno de España, que dinamiza o papel elemental da Policía mediante a Oferta de Emprego Público do seu eido, que acumula entre 2024 e 2026 un total de 8.225 plazas e que convoca neste 2026 outras 2.854 por oposición libre para acceder ao corpo”.
Para finalizar o seu discurso, Eladio Santos recoñeceu aos policías que se xubilan e a aqueles que deron a súa vida no cumprimento do deber, gabando o seu sacrificio e compromiso social e colocándoos como un exemplo a seguir para toda a sociedade.
Nesta celebracióni este ano tamén se facía entrega dos premios do III Concurso de Debuxo Infantil de Policía Nacional na cidade de Ourense.
