Galerías de fotosOurenseÚltima horaVídeos

A Policía Nacional de Ourense celebra a festividade dos Santos Anxos Custodios, o seu patrón

 

Cunha misa na catedral e cun acto institucional no Auditorio Municipal de Ourense, a Policía Nacional celebraba neste 3 de outubro a seu patrón da Policía Nacional, a festividade dos Santos Anxos Custodios, coa presenza de numerosas autoridades.

Entre elas estaban o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; o deputado provincial Rosendo Luis Fernández; o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo; a presidenta da Audiencia Provincial, Ana María del Carmen Blanco, e a fiscala xefa da Fiscalía Provincial, Eva Regueiro, foron galardoas 21 persoas coa Cruz ao Mérito Policial con Distintivo Branco.

Ademais, durante o acto no Auditorio entregáronse 24 condecoracións á Dedicación ao Servizo Policial. Finalmente, a Comisaría Provincial de Ourense fixo un recoñecemento institucional a persoas que representan ás seguintes institucións: Dirección Xeral de Defensa do Monte, Concello de Ourense, Servizo Galego de Saúde e unha representación do sector empresarial hoteleiro. Tamén se entregaron os premios do II Concurso de Debuxo Infantil de Policía Nacional na cidade a Irina Cid (categoría benxamín), Ximena González (alevín) e Elsa Touza (infantil).

 

 

Entre os condecorados estaba o subinspector Edmundo Fernández Rodríguez, natural de Trives, que recibía a Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco, que lle impoñía o comisario xefe provincial da Comisaría de Ourense, Juan Cástor Vázquez Salgado.

 

 

Eladio Santos, que enxalzou “o esforzo e a dedicación” dos membros da Policía Nacional para “manter a seguridade nas rúas da cidade”, estivo acompañado do xefe rexional de Operacións da Policía Nacional, Gumersindo Vila, e do comisario provincial xefe de Policía de Ourense, Juan Cástor Vázquez, a quen lle agradeceu o seu traballo “ao servizo do corpo e o seu compromiso coa cidadanía de Ourense”. Estendeu o agradecemento a todos os homes e mulleres que forman a institución polo labor que desenvolven “con tanta entrega e profesionalidade”.

 

 

 

Na súa intervención, o subdelegado destacou que a Policía Nacional vela día tras día “pola seguridade e a liberdade” da cidadanía, o que “ofrece resultados en forma de crimes resoltos e problemas solucionados”. Neste sentido, lembrou que a comisaría de Ourense dirixiu este ano o maior operativo contra o narcotráfico da historia da cidade. “A Operación Copérnico desartellou o 50 % do menudeo de droga no municipio e foi crucial nese traballo constante para erradicar o tráfico de estupefacientes en Galicia”, engadiu.

Ademais, puxo en valor a proximidade dos axentes cos veciños e veciñas dos barrios, cos que existe comunicación permanente, atendendo ás súas preocupacións. “Esa vertente social quedou patente tamén, por segundo ano consecutivo, na carreira solidaria Ruta 091 que volveu a ser un éxito de participación, co obxectivo de axudar a unha causa xusta, neste caso, ás persoas con Trastorno do Espectro Autista de Trascos”, destacou.

Santos ratificou o compromiso do Goberno de España coa Policía Nacional, como amosa a Oferta de Emprego Público aprobada neste 2025, que convoca 2.914 prazas para acceder ao corpo por oposición libre. “Sabemos que os medios humanos son esenciais para que a institución siga á vangarda e, por iso, o Ministerio do Interior aplica desde 2019 taxas de reposición superiores ao 100 % nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”, apuntou.

 

 

 

Violencia machista e ciberdelincuencia

O subdelegado do Goberno fixou os principais desafíos aos que se enfronta a Policía Nacional como a loita contra a violencia de xénero, “un drama diario que esixe un esforzo extra”. “Erradicar a lacra machista que este ano se cobrou 28 vidas de mulleres e deixou a 12 menores orfos en España é o obxectivo que temos que perseguir sen descanso”, estableceu.

Outro dos grandes retos, expresou Eladio Santos, é a ciberdelincuencia. “Os avances tecnolóxicos traen consigo bondades que axudan aos axentes no seu traballo, pero tamén veñen acompañados dos ciberdelitos, que copan boa parte das denuncias e requiren un gran traballo investigador e unha formación permanente”, sinalou.

Neste sentido, o subdelegado apuntou á prevención e a educación como ferramentas fundamentais para evitar este tipo de delitos e “mellorar o benestar da cidadanía no futuro”. Por iso, a Policía Nacional aposta de forma decidida polo Plan Director do Ministerio de Interior que busca previr calquera risco que afecte á seguridade dos menores nos centros educativos e na súa contorna.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

 

Back to top button