O 9 de xuño de 1984 celebrábase na cidade de Ourense a inauguración da, por aquel entón, “nova” Comisaría de Policía Nacional; un edificio ao que xa no seu momento tachouse de “suntuoso” ou “cinco estrelas”, polas súas dimensións e o seu deseño arquitectónico.
Na mañá deste 21 de xuño a Policía Nacional ourensá celebrou o 40 aniversario da inauguración daquel edificio que co paso do tempo, lonxe de perder funcionalidade, foise adaptando ás novas circunstancias e continuou modernizándose ata o punto de converterse nun referente, tanto desde o punto de vista arquitectónico, como funcional, no que se prestan servizos como a expedición do DNI ou o Pasaporte, e tramítanse e investigan denuncias as 24 horas do día.
Aos actos conmemorativos asistiron autoridades, mandos policiais, empresas colaboradoras, convidados e como non podía ser doutra maneira, unha nutrida representación daqueles policías que formaron parte desta gran familia que é a da Policía Nacional en Ourense.
Durante o acto descubriuse unha placa conmemorativa do 40 aniversario e fíxose entrega de diplomas honoríficos a integrantes da Policía Nacional de diferentes escalas e categorías. Un dos asistentes, o humorista gráfico Xosé Lois, creador do icónico personaxe de ficción ourensán “O Carrabouxo”, fixo entrega dunha viñeta datada corenta anos antes, na que se facía referencia á inauguración do edificio policial.
A todos eles, nun acto institucional pero de carácter íntimo quíxoselles homenaxear pola súa dedicación e profesionalidade. Tal e como citou o comisario xefe provincial Juan Cástor Vázquez Salgado no seu discurso, a homenaxe “é unha oportunidade única para reflexionar sobre o camiño percorrido, agradecer a quen foi parte desta historia e renovar o noso compromiso co servizo á cidadanía de Ourense”.
Fotos cedidas.