
Axentes de Policía Nacional veñen de proceder á detención na provincia de Ourense de catro persoas como presuntos autores de varios delitos entre os que destacan a detención ilegal mediante o modus denominado “secuestro express”, dunha persoa á que os autores esixían o pago dunha cantidade de diñeiro que debía a vítima por unha débeda contraída con eles.
A operación, denominada policialmente como operación “Cronos”, culminou coa citada detención de catro persoas, a práctica de dous rexistros domiciliarios e a intervención de drogas, utensilios, armas e vehículos, entre outros. Ademais do delito de detención ilegal, considéraselles autores de varios delitos máis: lesións, roubo con violencia, tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal.
A investigación comezaba o pasado día 30 de setembro cunha chamada telefónica realizada ao 112 polos proxenitores da vítima, mediante a cal alertaban da situación na que se atopaba o seu fillo.”As primeiras xestións policiais poden concretar a contorna e lugar desde o cal se realiza a chamada e os detalles desta, esixindo o captadores diñeiro a cambio de saldar a débeda da vítima, e ameazando con que, de non abonarse a cantidade esixida, esta sufriría consecuencias físicas”, segundo explica a Policía Nacional.
A vítima, ao obxecto de saldar a suposta débeda, acorda cos captadores a entrega dun vehículo da súa propiedade. “Para facer entrega do mesmo, trasládanse ata a localidade coruñesa de Ribeira onde se atopaba o citado vehículo. É alí onde, aproveitando un momento de descoido dos captores, a vítima consegue apearse do vehículo no que era trasladado, fuxir e refuxiarse no seu domicilio”, tal e como indica a Policía Nacional.
A investigación policial puido determinar que o cativerio se orixinou nun inmoble do barrio ourensán de Covadonga e que durante as horas que durou, a vítima foi obxecto de diversas agresións físicas e ameazas.
O pasado xoves día 30 de outubro levou a cabo un operativo policial que concluía coa detención de catro dos presuntos culpables dos feitos e o rexistro de dous inmobles: un deles no barrio de Covadonga, no que ten lugar o secuestro e a agresión da vítima; e o outro na localidade ourensá da Merca, onde residían dous dos detidos.

No operativo participaron membros da UDEV, coa colaboración da UPR e da Brigada Provincial de Policía Científica. No primeiro dos rexistros, o realizado no barrio de Covadonga en Ourense, ademais foi necesaria a participación de membros do GOIT (Grupo de Operativo de Intervencións Técnicas), especializados neste tipo de intervencións, que franquearon o acceso ao interior de diversas estancias que se achaban “bunkerizadas” xa que eran utilizadas habitualmente para a venda e consumo de substancias estupefacientes.
Como resultado dos rexistros practicados foron intervidos, entre outros, substancias estupefacientes, diñeiro en metálico, tres armas e dous automóbiles.
Finalizadas as dilixencias para o esclarecemento dos feitos, os detidos foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución en funcións de garda, segundo informa a Policía Nacional.
Fotos: Policía Nacional.