OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén a unha persoa e desarticula un punto de venda de droga na cidade de Ourense

Ademais da detención, realizábase un rexistro nunha vivenda do barrio de “O Couto” no que se incautaban substancias estupefacientes, utensilios para distribución, pesada e diñeiro en metálico

 

Nunha operación contra o tráfico de drogas en Ourense, a Policía Nacional vén de levar a cabo o desmantelamento dun novo punto de venda de drogas mediante denominada policialmente como operación “Laundry”. A investigación iniciábase o pasado mes de xuño, froito dun dispositivo específico para a detección e desarticulación de puntos negros de venda de estupefacientes na cidade, así como da información obtida polos investigadores, que apuntaban ao tráfico de estupefacientes nunha rúa do barrio de “O Couto”.

“Unha vez o grupo de estupefacientes da Brigada Provincial de Policía Xudicial desta comisaría inicia a investigación, compróbase a existencia dun “punto negro” de venda a pequena escala de substancias estupefacientes como cocaína e haxix, observando como a persoa detida quedaba cos compradores, unhas veces nas proximidades do seu domicilio e outras desprazándose en vehículo a diversos lugares da cidade”, tal e como indica a Policía Nacional.

 

 

Para a desarticulación do devandito punto de venda, púxose en marcha un operativo policial o pasado día 14 de setembro, que culminou coa detención dun home por un presunto delito contra a saúde pública e o rexistro do domicilio no que presuntamente se levaba a cabo a actividade delituosa. Nel incautáronse máis de 500 gramos de cocaína, máis de 8 quilos de haxix, uns 70.000 euros en diñeiro en efectivo, dous vehículos de alta gama e outros efectos relacionados coa distribución e a pesada de drogas como básculas de precisión.

Tras realizar as dilixencias oportunas o detido foi posto ao dispor do Tribunal Instancia Sección de Instrución Praza nº1 de Ourense, quen coordinou e dirixiu as actuacións dos axentes no marco da operación policial decretando o seu ingreso en prisión.

“Desarticúlase así un novo punto de venda de drogas na cidade, cumpríndose cun dos obxectivos marcados polos plans estratéxicos do Ministerio do Interior en canto á loita contra o tráfico de substancias estupefacientes, pola súa repercusión para a seguridade cidadá”, tal e como indica a Policía Nacional.

Back to top button