
Axentes da Policía Nacional procedían o 9 de maio á detención dun individuo como presunto autor de dous delitos de furto, que tiveron lugar na cidade de Ourense durante os meses de marzo e abril. “O detido como presunto autor accedeu ao interior da farmacia do centro da cidade e tras pedir diversos produtos ao dependente, nun descoido deste, procede a furtar diversos produtos expostos, marchándose apresuradamente do lugar. No segundo delito que se lle imputa, esta mesma persoa, semanas despois, accede novamente ao establecemento e sen mediar palabra subtrae diversos produtos que se atopan expostos, fuxindo rapidamente da citada farmacia”, segundo informa a Policía Nacional.
Tras levar a cabo a investigación dos feitos denunciados, os axentes de Policía Nacional da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Comisaría Provincial de Ourense lograban a identificación, localización e detención do autor dos furtos. Unha vez realizadas todas as xestións e dilixencias tendentes ao esclarecemento dos feitos, era posto ao dispor xudicial.
A Comisaría Provincial de Ourense ten establecidos de forma habitual diversos dispositivos de actuación contra os furtos en establecementos da cidade nos que se inclúen medidas de prevención que contan coa participación de diversas unidades policiais.