OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén a unha persoa en Ourense como presunta autora de roubos con forza en comercios

Atribúenselle once feitos delituosos coñecidos na súa maioría perpetrados en zona centro e centro histórico da cidade

 

Axentes da Policía Nacional levaban a cabo o 23 de abril a detención dunha persoa en Ourense como presunta autora de, polo menos, 11 delitos de roubo con forza en establecementos comerciais. “A detención prodúcese como culminación dos labores de prevención e investigación desenvolvidas por distintas unidades policiais incardinadas dentro dun dispositivo policial específico para a loita contra os roubos con forza en locais comerciais principalmente situados en zona centro e centro histórico da cidade”, explican dende a Policía Nacional.

As investigacións levadas a cabo polo Grupo UDEV (Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta) da Brigada de Policía Xudicial, así como pola Brigada Provincial de Policía Científica, acreditan a participación do presunto autor en base a distintas probas periciais e á utilización dun “modus operandi” similar, accedendo ao interior dos establecementos fóra de horas de apertura dos mesmos.

“Unha vez identificado como o presunto autor dos delitos investigados, sobre as 16:15 horas do martes día 23 do presente mes, un radiopatrulla pertencente á Brigada Provincial de Seguridade Cidadá, localízao nas inmediacións da Praza da Mariña. Ao darlle o alto policial emprende a fuxida. Tras unha persecución por viais adxacentes, foi finalmente detido. Practicadas todas as xestións e dilixencias tendentes ao esclarecemento dos feitos por parte da unidade investigadora, no día de onte (25/04/2024), o detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda cuxo titular decretou o ingreso en prisión do presentado”, informa a Policía Nacional.

Artigos relacionados

Back to top button