OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén ao presunto autor dun atraco nun banco no centro da cidade de Ourense

Tras cometer o delito e darse á fuga, estableceuse un dispositivo policial que finalizaba coa localización e detención do presunto autor dos feitos e durante a cal resultaban feridos tres policías

 

Sobre as cinco e dez da tarde do día de onte, 30 de novembro, producíase un atraco con arma de fogo no interior dunha sucursal bancaria do centro da cidade de Ourense. O autor, un individuo que accedía ao local e intimidaba a un dos empregados utilizando unha arma, esixía o diñeiro de caixa. Unha vez conseguido o botín de varios miles de euros, emprendía a fuxida á carreira, dirección zona de “O Vao”.

Inmediatamente levábase a cabo o despregamento coordinado de diferentes unidades policiais da Comisaría de Ourense poñéndose así en marcha un dispositivo preestablecido e deseñado de forma específica pola Policía Nacional para este tipo de “incidentes”, co obxectivo de conseguir a localización e detención do autor.

Froito do citado despregamento policial, localizábase ao presunto agresor, que ao detectar a presenza policial dábase á fuga. Comezaba entón unha persecución que finalizaba coa intercepción e detención do mesmo nas inmediacións do “Parque Miño” por parte de indicativos de UDEV e Seguridade Cidadá. “No momento da detención ofreceu resistencia activa de tal intensidade que tres dos policías intervintes resultaron lesionados. Durante o cacheo foille intervido o diñeiro procedente do botín que portaba escondido e repartido por diferentes petos da súa vestimenta e zonas do corpo. Efectuada requisa nas inmediacións da entidade bancaria obxecto do atraco, foi localizada a arma coa que perpetrou o feito, resultando tratarse dunha pistola simulada”, segundo informa a Policía Nacional.

 

 

Realizados os primeiros labores de investigación, tívose coñecemento de que momentos antes do atraco, “o detido tentara roubar nunha entidade bancaria próxima, aínda que despois de forcexar cun dos empregados, ao que golpeou cun obxecto na cabeza, non logrou acceder ao interior e abandonou o lugar”, indica a Policía Nacional.

Unha vez realizadas todas as xestións e dilixencias tendentes ao esclarecemento dos feitos por parte da unidade investigadora, o detido será posto ao dispor do xulgado de instrución en funcións de garda.

Artigos relacionados

Back to top button