
Axentes da Policía Nacional, pertencentes á Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras, no marco da operación denominada policialmente “Cigala” e iniciada a comezos do presente ano, procedían á detención en Ourense de catro persoas (tres homes e unha muller), acusados da comisión de presuntos delitos de falsidade documental, estafa, contra a seguridade social e pertenza a grupo criminal.
“Os axentes comprobaron como o grupo criminal desarticulado, coa participación activa dos tres homes e adicional da muller, utilizan unha empresa carecedora de actividade, para elaboración de nóminas e contratos ficticios que posteriormente eran proporcionados a cidadáns de orixe estranxeira, previo pago presuntamente de cantidades de diñeiro aos investigados para a obtención da devandita documentación”, tal e como informa a Policía Nacional
Con estes trámites achegados polo grupo investigado, os cidadáns estranxeiros procedían á obtención dos Certificados de Rexistros da Unión de xeito fraudulento, entre outras xestións e así acceder a subsidios por desemprego e outras axudas sociais. Por iso, durante o transcurso da investigación xa foron detidas outras nove persoas por senllos delitos de falsidade documental e fraude á seguridade social, engade a Policía Nacional.
Tras o trámite das dilixencias policiais, os feitos foron postos en coñecemento da autoridade xudicial pasando ao seu dispor tres dos trece detidos na operación policial, como principais organizadores.