
A Policía Nacional vén de proceder á detención de dúas persoas como presuntos autores dun delito de roubo con violencia e intimidación que tivo lugar o pasado día 30 de xuño sobre as 00:30 nunha rúa do barrio das Lagoas, na cidade de Ourense.
“Os feitos tiveron lugar cando dous individuos, pediron á vítima o seu teléfono móbil para realizar unha chamada, quen accedeu a deixarllo ao resultarlle ambos os coñecidos. Nese momento un deles arrebátallo das mans do mesmo xeito que o reloxo de pulseira que portaba, indicando un dos autores cando a vítima solicítalles que lle devolvan as súas pertencías, que porta unha arma nas costas e que non llo volva a pedir, mencionando ademais que era un “trinitario” para acto seguido saír fuxindo do lugar á carreira”, tal e como informa a Policía Nacional.
Por parte de Grupo UDEV da Comisaría Provincial de Ourense, iniciábase unha investigación para a identificación e detención dos autores do feito, sendo o día 15 de xullo, cando se procede á detención dun deles, mentres que o outro xa se atopaba detido en dependencias policiais, ao ser detido por un delito de tentativa de homicidio ocorrido en Madrid, atribuíndolle tamén este delito de roubo con violencia e intimidación.
Os detidos foron postos ao dispor xudicial, ingresando un deles en prisión.