OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén en Ourense a 5 persoas integrantes dun grupo criminal dedicado ao tráfico de drogas

Realizáronse tres rexistros domiciliarios de forma simultánea nos que se interviñeron varios quilos de haxix, así como outras substancias estupefacientes, varios miles de euros en metálico, tres automóbiles e unha motocicleta

Foto: Policía Nacional.

 

A Policía Nacional vén de desarticular un grupo criminal dedicado ao tráfico de substancias estupefacientes na cidade de Ourense. No operativo, coordinado polo Grupo de Estupefacientes desta Comisaría, interviñeron GOES e UPR, e saldouse coa detención de cinco persoas (catro homes e unha muller) e coa intervención de varios tipos de substancia estupefacientes, diñeiro en metálico e outros efectos, entre os que destacan varios vehículos propiedade dos detidos.

“A operación denominada “Al Andalus” é o froito dunha complexa investigación desenvolvida durante meses por parte do Grupo de Estupefacientes desta Comisaría Provincial. Púxose o punto final á mesma durante a madrugada do pasado día 11 de abril coa detención de cinco persoas sobre as cales se puideron determinar a súa presunta implicación no tráfico de estupefacientes. De forma simultánea levaron a cabo tres rexistros domiciliarios en barrios de Couto, Ponte e Barrocás”, tal e como informa a Policía Nacional.

No citado dispositivo colaboraron varios grupos de operacións especiais de seguridade (GOES), así como unidade de prevención e reacción (UPR) da Comisaría de Ourense, e intervíronse 14 quilogramos de haxix, ademais doutras drogas e substancias ilegais, uns 20.000 € en metálico, tres automóbiles, unha motocicleta de gran cilindrada e outros efectos relacionados co tráfico de drogas, segundo os datos feitos públicos pola Policía Nacional.

Os detidos pasaron ao dispor do Xulgado de Instrución número 1 de Ourense que ordenou o ingreso en prisión dun dos investigados e a posta en liberdade con cargos dos outros catro.

“Como en operacións antidroga efectuadas con anterioridade en Ourense, a detención dos presuntos autores supón a desarticulación dun importante punto negro de abastecemento e distribución desta substancia na capital ourensá”, conclúen dende a Policía Nacional.

Artigos relacionados

Back to top button