
O pasado 31 de xullo, axentes da Policía Nacional procedían á detención de dous homes por un presunto delito contra a saúde pública.
A investigación, levada a cabo polos axentes pertencentes ao grupo de estupefacientes en colaboración co grupo de operativo de resposta (GOR), enmárcase dentro do dispositivo específico despregado para a prevención da delincuencia e o tráfico de estupefacientes en zonas concretas da cidade.
Como resultado do citado dispositivo policial, “os axentes actuantes puideron detectar como un veciño da zona esperaba no interior dun vehículo a chegada ao lugar doutro turismo, para despois introducirse no interior dun garaxe, onde ten lugar o intercambio de substáncias estupefacientes”. Como resultado da actuación policial levábase a cabo a “detención das dúas persoas implicadas e a intervención dunha bolsa que contiña 1 kg de marihuana portada por un dos detidos no maleteiro do vehículo, así como uns mil euros en metálico”.
Tras realizar as dilixencias oportunas ambos son postos ao dispor do Xulgado de Instrución de Garda por un presunto delito contra a saúde pública.
