OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén en Ourense a un home por roubo con violencia e intimidación nun bar de “O Vinteún”

 

O día 30 de outubro, axentes de Policía Nacional, procederon á detención en Ourense dun individuo como autor dunha tentativa de roubo con violencia e intimidación con arma branca, nun bar do barrio de “O Vinteún”.

O feito tivo lugar en torno das 22:30 da noite cando un individuo accedeu ao establecemento e esgrimindo un obxecto punzante nunha das súas mans, esixiu á propietaria do local que lle dese todo o diñeiro da caixa. O autor, tras o forcexo, e sen conseguir o obxectivo pretendido, emprendeu a fuxida a pé, segundo informa a Policía Nacional.

Tras as xestións realizadas pola Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Comisaría Provincial de Ourense, conseguiuse o esclarecemento dos feitos así como a identificación do autor do roubo, levándose a cabo o pasado día 10 de novembro, a localización do mesmo por parte dun indicativo da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá nas inmediacións da Estación Intermodal, que procedeu á súa detención.

A intervención policial está enmarcada dentro do plan de actuación e coordinación policial establecido por esta comisaria provincial en prevención de feitos delituosos que se poidan producir na Estación Intermodal e as súas inmediacións.

O detido, unha vez practicadas todas as dilixencias para o esclarecemento dos feitos, foi posto ao dispor xudicial.

Back to top button