
Axentes da Policía Nacional procedían á detención dunha persoa por un presunto delito contra a saúde pública en Ourense na madrugada do 17 de agosto. A detención era realizada por axentes da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá, como resultado do dispositivo policial establecido para a detección e control de posibles puntos de venda de substancias estupefacientes na cidade e cando estes se atopaban realizando labores preventivos polo centro da cidade.
Os feitos producíanse cando os axentes observaron como un automóbil circulaba por unha rúa en dirección prohibida e ademais sen facer uso o seu condutor do cinto de seguridade. “Unha vez dado o alto a este vehículo, o seu condutor mostra unha actitude nerviosa ante a presenza policial, intervíndolle os axentes, dous bolsiñas, contendo máis de catro gramos de cocaína. Ademais, no interior do vehículo, foi localizada escondida nun compartimento oculto, unha bolsita que contiña preto de 19 gramos de cocaína”, segundo informa a Policía Nacional.
Persoado no lugar un indicativo de Policía Local, procedeu a formular proposta de sanción ao condutor por circular en sentido contrario, non facer uso do cinto de seguridade e ademais por conducir baixo a influencia de substancias estupefacientes, tras dar un resultado positivo no test de drogas realizado ao efecto.
Por todo iso, os axentes realizaban a detención desta persoa, por un presunto delito de tráfico de drogas, sendo trasladado ata dependencias policiais, onde tras realizar as dilixencias oportunas foi posto ao dispor da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia en funcións de garda.