OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén en Ourense ao presunto autor de 126 delitos de estafa e falsidade documental relacionados co “Bonocomercio”

Trátase dunha operación policial que tivo o seu inicio no mes de marzo do pasado ano, cando o propio Concello de Ourense denunciou en dependencias policiais a detección de varias descargas fraudulentas do coñecido “Bonocomercio”

A Policía Nacional de Ourense procedía á detención do presunto autor da descarga fraudulenta de 126 “Bonos-Comercio” do Concello de Ourense e a distribución destes entre persoas da súa contorna máis próxima, que a través dunha rede de contactos con terceiros, adquiriron os produtos demandados polo detido, que “compensaba” dita intermediación con máis bonos comercio, esta vez para uso persoal dos colaboradores. Á comisión destas 126 estafas correspóndenlle un número igual de falsidades correspondentes á suplantación dos datos de identidade real dos titulares de cada un dos bonos descargados.

“A investigación iníciase cunha denuncia por parte do Concello de Ourense na que se informaba da detección de polo menos 95 descargas fraudulentas e do uso dos bonos obtidos en establecementos da cidade. De forma simultánea tamén se interpuxeron en dependencias policiais varias denuncias nas que segundo os prexudicados, persoas descoñecidas facéndose pasar polos titulares das identidades reais, conseguiran a descarga fraudulenta do citado “Bonocomercio” “, tal e como informa a Policía Nacional.

Como consecuencia das primeiras pescudas policiais, levouse a cabo a detención de oito persoas, que actuaban, a distintos niveis, como intermediarios para “a obtención de determinados produtos electrónicos que obtiñan en establecementos adheridos, facendo entrega destes ao xefe a cambio de mais bonos, esta vez, para uso persoal dos colaboradores. A investigación presentou unha gran dificultade e complexidade técnica debido aos avanzados coñecementos informáticos e tecnolóxicos que o detido posúe”, continúa a Policía Nacional.

Por estes feitos solicitouse, mandamento xudicial de entrada e rexistro no domicilio do agora detido, con motivo do cal foron intervidos diversos efectos relacionados coa investigación en curso. Finalizadas todas dilixencias policiais para o esclarecemento dos feitos, o detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución Un de Ourense, en funcións de garda, que decretou a súa posta en liberdade con cargos.

Artigos relacionados

Back to top button