CulturaCulturaÚltima hora

A Portela de Portomourisco mantén as Festas da Rabiosa como signo de esperanza ante o sufrido polo incendio

Festas da Rabiosa o ano pasado./ Foto cedida.

 

O pasado xoves 14 de agosto a veciñanza da Portela (Petín-Larouco) demostrou unha vez máis ser un pobo unido que sabe enfrontarse ás adversidades. Sufriron o asedio do terrible incendio iniciado en Seadur que tras percorrer toda a comarca de Valdeorras leva arrasadas máis de 30.000 ha. Esa noite todo o pobo, mozos e xente maior, con veciños doutros pobos da contorna, fíxeron fronte ás chamas que amenazaban a vila. Durante dous días, lonxe de relaxarse, preparáronse para actuar en caso de necesidade, vivindo horas de incertidume.

Finalmente pasou, tras queimar centos de hectáreas e moitos danos materiais, deixando na veciñanza un pouso de desesperanza ás portas da celebración das Festas A Rabiosa na honra a San Vitoiro. De desesperanza pola paisaxe negra do queimado pero tamén de ilusión e esperanza.

“A unión fai a forza, porque xuntos sempre chegamos máis lonxe e nestes días vivímolo como unha gran familia. Cada sorriso, cada man tendida, cada bágoa, cada xesto e cada momento compartido foron a proba de que nada é imposible cando estamos unidos. Pero a alegría… esa alegría que se vive nunha festa, a de poder esquecer por un instante o ocorrido -aínda que non se borre, porque segue presente na nosa memoria e, sobre todo, nos nosos corazóns-, é a faísca que acende a alma. É a que transforma o esforzo en recordos fermosos e converte cada paso nunha celebración. Coa forza avanzamos, pero coa alegría aprendemos a gozar o camiño, coma se cada instante fose xa unha vitoria. Porque o é. E aínda que o pasado sempre nos acompañe, debemos seguir adiante, honrándoo coa vida e coa esperanza”. Este é o texto de “Caza” , un dos membros da Asociación A Rabiosa que daba o impulso necesario para manter as festas que se celebrarán do 26 ao 28 deste mes de agosto, aínda que con modificacións sobre o programa inicial.

O pistoletazo se saída dábano o xoves 21 de agosto cunha máxica sesión de cine baixo as estrelas coa proxección do filme Los aitas, pero o martes 26 será o primeiro gran día cunha tarde pensada para nenos e non tan nenos, con inchábeis e canón de escuma. “Pola noite reunirémonos na cea popular, onde 260 comensais gozarán do ‘porco ao espeto’, acompañado de empanada e o delicioso caldo verde portugués. E cando terminemos de cear… a mover os pés coa discoteca móbil A Gramola ata que o corpo aguante”, explican dende A Rabiosa.

O mércores 27 será o día grande na honra a San Vitoiro. “Desde primeira hora a charanga Achicoria percorrerá as nosas rúas para espertarnos con alegría e despois acompañaranos na procesión, a misa e a imprescindible sesión vermú. Pola tarde haberá torneo de tute e de ra e xa á noitiña gozaremos de orquestra Cinema Team, que poñerá ritmo á nosa sesión de tarde e verbena”.

A despedida, o xoves día 28 terá un sabor agridoce. “Nosa querida Sonora Petinesa, a banda máis emblemática da comarca, non poderá estar connosco tras os duros incendios que tanto nos golpearon”, din, asegurando que “perdemos bens materiais, si, pero nunca a ilusión nin a esperanza”. E para pechar as festas, contarán cun Dj convidado que fará que a tarde “soe a despedida pero tamén a reencontro, porque xa soñamos con volver o ano que vén”, conclúen.

Back to top button