OurenseÚltima hora

A Praia dos Franceses (A Veiga), primeiro areal da provincia de Ourense en recoller una Bandeira Azul

O presidente da Xunta participaba esta mañá na entrega da bandeiras aos concellos, portos e centros galardoados este 2026

 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que as 147 bandeiras azuis coas que conta Galicia este ano —10 máis que no exercicio anterior— “ofrecen todas as garantías” e consolidan á comunidade como un referente internacional de calidade, excelencia e sustentabilidade turística. “Para falar de Galicia Calidade fan falta exemplos visibles e recoñecibles como o son estas bandeiras”, asegurou.

Durante a súa participación no acto de entrega destes galardóns, celebrado no concello lugués de Xove e no que tamén estivo presente a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o titular do Goberno galego subliñou que esta marca xera confianza e valor, sendo un símbolo recoñecido polos visitantes.

Rueda felicitou así aos municipios galardoados e agradeceu o traballo da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) por impulsar á comunidade a superarse ano tras ano, ao tempo que avogou por seguir mantendo esa esixencia que “nos beneficia a todos”.

Nesta edición, Galicia recibiu un total de 147 bandeiras azuis distribuídas en 118 praias, 11 portos e 18 centros. A estas distincións súmanse os 72 distintivos outorgados aos sendeiros azuis o pasado mes de marzo, acadando un total de 219 recoñecementos. Con estas cifras, Galicia convértese na “comunidade que máis medra en bandeiras azuis” e a segunda con máis galardóns de España, o que supón que un de cada cinco recoñecementos concedidos en todo o país recae no territorio galego. Ademais, os municipios de Sanxenxo e Vigo repiten como os dous concellos españois con máis areais galardoados.

Como novidades deste ano, destacan a incorporación de catro novas praias que obteñen o distintivo por primeira vez: Niñóns (Ponteceso), O Laño (Poio), Pampaído (Sanxenxo) e a praia dos Franceses (A Veiga), que se converte na primeira praia da provincia de Ourense en conseguir unha bandeira azul. Así mesmo, incorpóranse dous novos centros azuis: as sedes da Coruña e de Vigo do Instituto Español de Oceanografía.

Un ano de xestión propia do litoral

Alfonso Rueda incidiu en que este liderado en calidade ten un mérito especial cando se está a piques de cumprir, o vindeiro 1 de xullo, o primeiro aniversario desde que Galicia asumiu as competencias efectivas de xestión do litoral.

“Ter un litoral magnífico, o máis longo de España, pero tamén cos mellores estándares de calidade, significa que a vida económica, as persoas e as actividades que existiron toda a vida poidan seguir estando aí, sendo rigorosos e respectuosos. E a mellor maneira de expresar todo iso son estas bandeiras azuis”, asegurou.

Neste sentido, lembrou que este mesmo verán os cidadáns poderán comezar a percorrer, a pé ou en bicicleta, o Camiño do Litoral, un gran itinerario de máis de 1.300 quilómetros dividido en 53 etapas.

Back to top button