
O Concello de Ribas de Sil organiza este domingo, 17 de maio, ás 18:00 horas, no Salón de Actos da Casa do Concello, un acto cultural con motivo do Día das Letras Galegas 2026, dedicado este ano á escritora e xornalista galega Begoña Caamaño.
A programación reunirá literatura e música nun encontro aberto á veciñanza, cun protagonismo destacado para a presentación do libro “XXXIII Contos e o último gaiteiro”, da autoría do escritor e mestre local Manuel Cao Rodríguez.
O acto contará coa participación da escritora e profesora de Literatura Galega Celia Díaz Núñez, que ofrecerá a pílula cultural “A voz e as letras de Begoña Caamaño”, achegando ao público a figura e o legado literario da autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026.
A continuación terá lugar a presentación do libro “XXXIII Contos e o último gaiteiro”, unha obra que afonda na memoria, nas historias populares e na identidade do rural galego desde unha ollada profundamente vinculada á tradición e á terra. O autor, Manuel Cao Rodríguez, será presentado pola poeta quiroguesa Pura Tejelo Núñez, nun encontro que pretende poñer en valor a creación literaria de proximidade e o compromiso coa cultura galega.
A programación completarase coa interpretación do Himno de Galicia a cargo do grupo de música tradicional Foles da Lúa, que posteriormente continuará a celebración polas rúas de San Clodio, contribuíndo a converter a xornada nunha auténtica festa da cultura galega.
Desde o Concello de Ribas de Sil quérese destacar especialmente a relevancia da presentación de “XXXIII Contos e o último gaiteiro” como unha das citas centrais da xornada, tanto polo valor literario da obra como pola traxectoria do seu autor, moi vinculado á vida cultural e educativa do municipio.
O Concello anima “a toda a veciñanza e visitantes a participar na celebración das nosas letras”.
Datos do acto
-
-
- Data: Domingo, 17 de maio de 2026
- Hora: 18:00 horas
- Lugar: Salón de Actos do Concello de Ribas de Sil
- Organiza: Concello de Ribas de Sil
- Colaboran: Vicepresidencia de Cultura da Deputación de Lugo.

-