Liñas e liñas de cepas de viñedo queimadas e rodeadas dunha paisaxe negra. Os efectos dos recente incendio que devastaba Valdeorras a mediados de agosto vense perfectamente nos viñedos da Adega Joaquín Rebolledo na Rúa. Era o primeiro lugar que visitaba a presidenta da Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (CEPYME) na viaxe que neste 19 de setembro realizaba a Valdeorras para ver de primeira man as conscuencias do lume no sector empresarial e, principalmente, no vitivinícola.
Xunto aos presidentes de AEVA e da CEO e ao responsable da adega Joaquín Rebolledo, José Ramón Rodríguez, descubría como chegou o lume ata esta zona ruesa e como entrou nos viñedos, así como as súas consecuencias nesta colleita e os posibles efectos que pode ter noutras futuras. “Agora vén un traballo de campo importante”, comentaba José Ramón Rodríguez.
Na mesma liña se manifestaba o director técnico do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Jorge Mazaira, quen ademais apuntaba que hai que ver como lle vai afectar o lume á colleita que si se puido recoller. Cifraba nunhas 30 hectáreas a superficie da D.O. Valdeorras danada polo incendio e nuns 400.000 quilos as perdas en canto a produción nesta vendima, “eses son ingresos que xa non van chegar”.

Pola súa banda, o responsable da Adega Joaquín Rebolledo consideraba clave, de cara ao futuro, a necesidade reformar o rexistro catastral e “necesitamos franxas de seguridade, as dos núcleos rurais están lexisladas, pero incúmprense, pero tamén debe haber franxas de seguridade nas explotacións non só vitivinícolas, senón agropecuarias, porque replantas, pero dentro de cinco anos vai volver arder porque o cambio climático é evidente e despoboación leva a que aquí haxa unha masa tremenda de combustibles. Nesas dúas cuestións a administración ten que intervir, o primeiro é que se ordee o territorio porque senón imos estar desprotexidos”.

Despois de percorrer os viñedos, desprazábanse ata o Miradoiro do Barranco Rubio, o que lles permitiu obter unha panorámica de conxunto dos danos producidos polo incendio tanto na Rúa como en concellos próximos como o de Petín, vendo ademais a función de cortalume que exerceu o viñedo.
A visita á Rúa concluía na Adega Joaquín Rebolledo, cuxas instalacións percorría vendo ademais como se está a desenvolver o proceso de vendima e coñecendo as súas elaboración. Ademais Ángela de Miguel recibía un agasallo da adega.
Fotos: Carlos G. Hervella.
