Máis madrugadores que nunca. Antes das dez e media da noite do sábado estaban os primeiros diante do Centro Cultural Avenida, na Rúa, para gardar cola e coller número para venda de entradas da XVII Festa do Codillo que se celebrará o vindeiro sábado 31 de xaneiro.

Seguindo a estela dos do Barco de Valdeorras hai dúas semanas, un grupo de veciños da Rúa apostábase ás portas do cine xa pola noite pasando o tempo xogando ás cartas e charlando, malia as baixas temperaturas. Pronto comezou a correrse a voz e en poucas horas eran centos as persoas que gardaban turno.

Uns xa non se deitaron, outros madrugaron (moito) ata que abrían as portas que comezaban a dar os números. E xa a partir das nove da mañá deste domingo 25 de xaneiro empezaba a venda de entradas para o Codillo máis madrugador. A primeira, tras unha noite en vela, era Orie Ladrón de Guevara Yepes.

Fotos: Mónica G. Bellver excepto as dúas primeiras da galería que son cedidas.