En portadaÚltima horaVídeos

A Procesión do Santo Enterro, con cinco pasos, sortea á chuvia no Barco

 

A chuvia daba un respiro esta tarde de Venres Santo no Barco, o que permitía a saída da Procesión do Santo Enterro, con ata cinco pasos: San Xoán, a Verónica, o Nazareno, o Cristo xacente e a Dolorosa. Partía ás sete e media da tarde dende a igrexa de San Mauro, coa asistencia de numerosas persoas, pero acurtaba e modificaba o seu percorrido habitual.

 

 

Así, en lugar de saír dende San Mauro en dirección ao centro da vila (polas rúas Eloi Mira, Marcelino Suárez, Estación, e novamente Eloi Rodríguez Barrios e Eloi Mira) para logo regresar á igrexa parroquial, baixaba pola rúa Escura e continuaba polas rúas Real e Doutor Pérez Lista para despois xirar en Álvaro Cunqueiro saír a Marcelino Suárez e voltar ao templo de San Mauro.

 

 

A Policía Local encargábase de regular o tráfico durante a procesión. Ao termo da mesma, o párroco do Barco, Jesús Álvarez agradecía o feito de ter podido saír, aínda que nun traxecto máis curto para evitar a chuvia, e tamén amosaba o seu agradecemento aos colaboradores e as empresas que aportaron os diferentes arranxos florais das imaxes.

 

 

Para ás dez da noite deste venres, sempre que o tempo o permita, está tamén prevista a chamada procesión “dos Caracois”, xa na vila do Castro.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button