
Galicia contará con novas casas do maior. A previsión da Xunta é que entre o que resta de mes e xaneiro do vindeiro ano estean xa en funcionamento a totalidade das 20 novas que se corresponden coa última convocatoria de axudas para o período 2025-2026. “Estes novos servizos aumentarán ata case 160 os recursos deste tipo existentes na comunidade, sumando arredor de 800 prazas gratuítas para a atención das persoas maiores, cinco por equipamento”, asegura.
O Executivo autonómico destinou este ano máis dun millón de euros en axudas para ampliar este rede de atención diúrna. En concreto, doce destas novas casas do maior emprázanse en concellos da provincia da Coruña: Cerdido, Camariñas(2), Muxía (2), Boqueixón (2), Carnota, Dumbría, Mazaricos, Ponteceso e Fisterra. Outras seis están en localidades da provincia de Ourense: San Amaro (2), Maside, A Mezquita, Quintela de Leirado e Petín. E as dúas restantes abrirán nos municipios pontevedreses de Campo Lameiro e Oia.
A Xunta comezou fai seis anos a impulsar a creación das casas do maior, unha iniciativa pioneira que está a ter unha moi boa acollida. A Administración autonómica concede axudas tanto para acometer as obras necesarias para poñer en marcha o servizo como para o mantemento da actividade.
Atención de proximidade
As casas do maior son recursos de proximidade que garanten aos maiores do rural ter acceso a unha atención individualizada sen saír da súa contorna e 100 % gratuíta. Esta atención comprende a manutención, a hixiene e o desenvolvemento de actividades de lecer e cognitivas.
Ademais, esta atención préstase nun máximo de oito horas diarias de luns a venres en horario flexible e durante todo o ano, agás os días festivos e o mes de vacacións no que o equipamento permanecerá pechado por vacacións.