
Continúa os lumes de extrema gravidade na provincia de Ourense, que rexistra, arestora un total de nove grandes incendios activos, entre os que se atopan os de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita), o de Seadur (Larouco), que na pasada tarde se estendía por Freixido e entraba nos municipioso limítrofes de Petín e O Bolo, e o de Mormentelos (Vilariño de Conso).
Os datos por cada un dos incendios son os seguintes:
ACTIVOS
Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita)
O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Os dous acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie total de máis de 11.000 hectáreas, parte delas tamén no municipio de Manzaneda. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito conxunto, ata o de agora, 22 técnicos, 103 axentes, 135 brigadas, 81 motobombas, 12 pas, 11 unidades técnicas de apoio, 25 helicópteros e 17 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 2.500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse en total 9 técnicos, 81 axentes, 121 brigadas, 75 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa
Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 8.000 hectáreas, parte delas no veciño concello de Monterrei. O lume iniciouse ás 14.39 horas do martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 14 técnicos, 42 axentes, 60 brigadas, 39 motobombas, 2 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 10 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas do martes está activo un incendio forestal no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 8.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 22 axentes, 20 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 14 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Activo Vilardevós-Vilar de Cervos
Está activo desde o mércores ás 18.09 horas un incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 500 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 2 técnicos, 10 axentes, 4 brigadas, 8 motobombas, 1 helicóptero e 2 avións.
Activo Vilardevós-Moialde
Na tarde de onte xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 100 hectáreas. Polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 14 axentes, 24 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 6 helicópteros e 6 avións..
Activo Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Activo desde as 17.41 horas de onte xoves un incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo momento 1 axente, 4 brigadas, 4 motobombas e 1 avión.
Activo Vilariño de Conso-Mormentelos
Na tarde de onte reactivouse o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas. Afecta a unha superficie de arredor de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 18 axentes. 21 brigadas, 16 motobombas, 3 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 4 avións.
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores está activo un incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 800 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 6 técnicos, 20 axentes, 34 brigadas, 27 motobombas, 4 pas, 6 helicópteros e 2 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
ESTABILIZADOS
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
Estabilizado Ourense-Seixalbo
Desde as 00.51 horas do mércores está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas do martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 15 axentes, 20 brigadas, 11 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.
CONTROLADOS
Controlado Verín-Mourazos
Esta controlado, desde as 01.01 horas do martes, o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.
CONFINAMENTOS, EVACUACIÓNS OU DESALOXOS
Continúan activas as medidas de protección á cidadanía con novos confinamentos e evacuacións, a causa dos incendios forestais que están a afectar á provincia de Ourense.
Desde o día de onte, mantéñense baixo confinamento os núcleos poboacionais de A Madanela (Monterrei) con 122 persoas, As Casas do Monte (Oímbra) con 142 persoas e Rebordondo (Cualedro) con 60 persoas, sendo confinado este último pobo durante as últimas horas da tarde. Os veciños de Estevesiños e Vences, que no día de onte tiveron que resgardarse nas súas casas, xa non se atopan baixo confinamento.
Ademais, durante a tarde de onte tamén se procedeu á evacuación duns 7 veciños de Flariz (Monterrei). Os residentes desaloxados de Chandrexa de Queixa continúan á espera de poder volver ao seu domicilio, mentres que 44 persoas da residencia da Mezquita xa puideron regresar.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.