En portadaÚltima hora

A provincia de Ourense afronta a noite con 6 grandes incendios activos

Están activos os incendios de Chandrexa de Queixa-Requeixo (4.500 ha), Chandrexa de Queixa-Parafita (1.800 ha), Maceda-Santiso (1.700), Oímbra-A Granxa (2.500), A Mezquita-A Esculqueira (2.000 ha) e Vilardevós-Vilar de Cervos (20 ha)

Un dos incendios forestais activos na provincia de Ourense neste mércores./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nova noite complexa e difícil polos incendios na provincia de Ourense, onde se mantén decretada a Situación 2 en todo o seu territorio. Segundo os últimos datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural, nestes momentos hai seis incendios activos na provincia que superan as vinte hectáreas, dous deles son os de Chandrexa de Queixa.

Por outra banda, esta tarde tamén se iniciaba un incendio no límite entre os concellos de Quiroga e Larouco, para que o que aínda non hai datos de superficie, pero cuxa evolución preocupa a veciñanza pola forza que está a coller.

ACTIVOS

Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo

Permanece activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta a arredor de 4.500 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 16 técnicos, 60 axentes, 95 brigadas, 51 motobombas, 10 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 13 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Chandrexa de Queixa-Parafita

Segue tamén activo o incendio forestal do concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Parafita, que se iniciou ás 17.45 horas de onte e que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 1.800 hectáreas, parte delas no limítrofe municipio de Manzaneda. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 8 técnicos, 22 axentes, 22 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 4 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Maceda-Santiso

Desde as 03.13 horas de onte martes está activo un lume no concello de Maceda, parroquia de Santiso. Este incendio, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 1.700 hectáreas, parte delas no veciño concello de Montederramo. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 27 axentes, 35 brigadas, 20 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 8 avións. Tamén participan nas tarefas de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo Vilardevós-Vilar de Cervos

Está activo un incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, desde as 18.09 horas e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 2 técnicos, 1 helicóptero e 1 avión.

Activo Oímbra-A Granxa

Permanece activo o incendio forestal do municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 2.500 hectáreas, parte delas no veciño concello de Monterrei. O lume iniciouse ás 14.39 horas de onte martes e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 12 técnicos, 22 axentes, 32 brigadas, 25 motobombas, 1 pa, 2 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 5 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME)

Activo A Mezquita-A Esculqueira

Desde as 09.42 horas de onte martes está activo un incendio forestal no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 2.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 15 axentes, 11 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 1 tractor, 2 unidades técnicas de apoio, 5 helicópteros e 6 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboran nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

ESTABILIZADOS

Estabilizado Ourense-Seixalbo

Desde as 00.51 horas de hoxe está estabilizado o incendio forestal iniciado ás 14.14 horas de onte martes na localidade de Ourense, parroquia de Seixalbo, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 100 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinción 1 técnico, 11 axentes, 15 brigadas, 9 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.

Estabilizado Maceda-Castro de Escuadro

Está estabilizado, desde as 23.37 horas do domingo, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou o sábado ás 23.19 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 450 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 4 técnicos, 32 axentes, 54 brigadas, 38 motobombas, 6 pas, 6 helicópteros e 10 avións.

Estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos

Desde as 23.37 horas do luns está estabilizado o lume do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 180 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 15 axentes, 19 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 2 helicópteros e 4 avións.

Estabilizado Montederramo-Paredes

Segue estabilizado desde as 10.35 horas de onte martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo momento, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 5 avións.

Estabilizado Vilardevós-Moialde

Continúa estabilizado desde as 10.02 de onte martes o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde. Segundo as últimas estimacións, este lume, que se iniciou ás 16.05 horas do luns, afecta arredor de 40 hectáreas e polo de agora mobilizáronse na súa extinción 2 técnicos, 10 axentes, 16 brigadas, 17 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 6 avións.

CONTROLADOS

Controlado Verín-Mourazos

Esta controlado, desde as 01.01 horas de onte martes o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13.15 horas do luns. A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, polo momento, para a súa extinción mobilizáronse 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.

Back to top button