SanidadeÚltima hora

A provincia de Ourense amosa o potencial da súa investigación biomédica para transformar a atención sanitaria

Unha xornada na cidade de Ourense o 20 de novembro permitirá coñecer as principais liñas de investigación da Área Sanitaria, os proxectos emerxentes e os resultados de estudos que buscan mellorar o diagnóstico, os tratamentos e a calidade asistencial

 

A investigación biomédica que se desenvolve nos hospitais e centros de saúde da provincia de Ourense será a protagonista da quinta edición da Xornada de Investigación Biomédica da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que se celebrará mañá venres, 20 de novembro, e o sábado 21 no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Durante estas dúas xornadas, profesionais sanitarios, investigadores, docentes e persoal en formación compartirán os seus avances científicos, presentarán novos proxectos e darán a coñecer resultados de investigación que teñen como finalidade común trasladar o coñecemento científico á práctica clínica e contribuír a mellorar a saúde e a calidade de vida da poboación.

O encontro pretende, ademais, dar visibilidade á capacidade investigadora dos profesionais da Área Sanitaria, tanto no ámbito hospitalario como na Atención Primaria, favorecer a colaboración entre diferentes especialidades e disciplinas e impulsar novas oportunidades para o desenvolvemento de proxectos científicos.

A xornada está organizada coa colaboración da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur e conta con Joaquín Cubiella Fernández, xefe de Sección de Investigación da Área Sanitaria, como presidente do comité organizador.

 

Joaquín Cubiella Fernández, xefe sección de investigación da área sanitaria ourensá, e Victoria Fernández Salgad, delegada en Ourense da fundación galega de investigación Biomédica galicia Sur.

 

 

Unha visión global da investigación que se desenvolve en Ourense

O programa comezará mañá venres, ás 11.00 horas, co acto inaugural institucional, no que participarán o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; a directora da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, Natalia Cal Purriños; e o xefe de Sección de Investigación da Área Sanitaria, Joaquín Cubiella Fernández.
Tras a inauguración, ás 11.30 horas, desenvolverase a sesión dedicada ao Mapa da Investigación da Área Sanitaria, na que se presentarán os principais grupos e liñas de investigación que están a traballar en diferentes ámbitos asistenciais.

Esta sesión permitirá coñecer o traballo científico desenvolvido en especialidades como Medicina Intensiva, Anestesia e Tratamento da Dor, Reumatoloxía, Neurocirurxía, Medicina Interna, Saúde Mental e Neumoloxía, así como a investigación e innovación en Atención Primaria e os estudos relacionados cos estilos de vida e o termalismo.

A diversidade destes grupos reflicte o carácter multidisciplinar da investigación bomédica en Ourense e a implicación dos profesionais sanitarios na procura de novas solucións aos problemas de saúde da poboación.
A IA e os novos proxectos científicos, protagonistas da primeira xornada
Un dos eixes destacados do programa será a aplicación da intelixencia artificial á investigación biomédica e á asistencia sanitaria.

Ás 13.30 horas, Miguel Reboiro Jato, catedrático de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade de Vigo, impartirá a conferencia «Intelixencia artificial en investigación biomédica: da teoría á práctica clínica», na que abordará as posibilidades destas novas ferramentas para avanzar no coñecemento científico e mellorar os procesos asistenciais.

Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, celebrarase unha sesión dedicada á investigación competitiva e aos proxectos emerxentes, na que se darán a coñecer once iniciativas financiadas ou en diferentes fases de desenvolvemento.

Entre os traballos que se presentarán figuran investigacións relacionadas coa detección e seguimento do cancro colorrectal, novas ferramentas de intelixencia artificial aplicadas ao diagnóstico de enfermidades hepáticas e á radioloxía, a mellora do cribado de diferentes tipos de cancro e novas estratexias terapéuticas en pacientes críticos.

Tamén se presentarán estudos relacionados co envellecemento, os estilos de vida, a actividade física e a participación da poboación nos programas de prevención e detección precoz de enfermidades.
A primeira xornada concluirá cunha mesa redonda dedicada á investigación en Saúde Familiar e Comunitaria, que permitirá analizar os retos e oportunidades da investigación en Atención Primaria.

Nesta sesión abordaranse experiencias como o estudo dos hábitos alimentarios e de saúde das persoas centenarias de Ourense, a prevención de hospitalizacións mediante a vacinación fronte á gripe e os avances da cohorte IMPaCT, vinculada á investigación en medicina de precisión.

 

 

Da investigación científica aos resultados que melloran a asistencia

A segunda xornada, o sábado 21 de novembro, comezará ás 9.00 horas cunha sesión de presentación de resultados relevantes de proxectos de investigación desenvolvidos na Área Sanitaria. Ao longo de doce comunicacións científicas, os profesionais darán a coñecer resultados de estudos relacionados coa investigación oncolóxica, a detección precoz do cancro colorrectal, a avaliación de novas ferramentas diagnósticas e a aplicación da intelixencia artificial na práctica clínica.

Tamén se abordarán cuestións relacionadas coa seguridade dos complementos alimentarios, os tratamentos en pacientes con cancro, a insuficiencia cardíaca, o deterioro cognitivo e a demencia, así como a toma de decisións clínicas e a participación dos pacientes nos procesos asistenciais.
Estes traballos constitúen un exemplo de como a actividade investigadora dos profesionais sanitarios permite xerar coñecemento a partir da práctica asistencial diaria e avaliar novas ferramentas, procedementos e estratexias de prevención e tratamento.

O envellecemento saudable e a investigación nos coidados

O envellecemento da poboación e a lonxevidade, cuestións de especial relevancia nunha provincia como Ourense, ocuparán tamén un lugar destacado no programa científico. Ás 10.30 horas do sábado, José María Faílde Garrido, profesor da Universidade de Vigo, xerontólogo e presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, impartirá a conferencia «Investigación en lonxevidade e envellecemento saudable».
A última mesa redonda, prevista para as 11.30 horas, estará centrada no impacto da investigación na práctica dos coidados, cunha participación destacada de profesionais de enfermaría, representantes do ámbito académico e responsables asistenciais.

Durante esta sesión compartiranse experiencias de investigación vinculadas á saúde comunitaria, á innovación nos coidados cirúrxicos, ás intervencións fronte á fraxilidade das persoas maiores e ao papel da investigación enfermeira na mellora da atención aos pacientes. A entrega de diplomas e a clausura oficial das xornadas están previstas para as 13.30 horas do sábado.

Unha aposta estratéxica pola investigación e a innovación sanitaria

A celebración desta quinta edición enmárcase no desenvolvemento do Plan Director de I+D+i 2026-2030 da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, que establece unha estratexia para consolidar, organizar e potenciar a actividade investigadora e innovadora nos centros sanitarios.

Este plan aposta por facilitar a incorporación dos profesionais á investigación, reforzar a súa capacitación científica, impulsar os proxectos competitivos e os ensaios clínicos, promover a colaboración entre especialidades e fortalecer as alianzas con universidades e outras institucións científicas.
A investigación en Atención Primaria constitúe, ademais, un dos obxectivos transversais desta estratexia, coa finalidade de impulsar estudos vinculados á prevención, á saúde comunitaria, á cronicidade e ás necesidades reais da poboación.

Para desenvolver esta actividade, a Área Sanitaria dispón de diferentes estruturas e recursos de apoio, entre os que destacan o Biobanco de Ourense, a Sección de Microcirurxía Experimental, o Living Lab de Saúde de Ourense e o Laboratorio do Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva de Ourense (GIODO).

A estes recursos súmanse o apoio metodolóxico, estatístico e de xestión da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur, así como a colaboración coa Universidade de Vigo e outras institucións académicas e sanitarias.

A finalidade desta aposta é conseguir que a investigación non sexa unha actividade allea á asistencia, senón unha parte integrada do traballo dos profesionais sanitarios, capaz de xerar coñecemento, impulsar a innovación e trasladar os avances científicos aos pacientes.

Con esta quinta Xornada de Investigación Biomédica, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras busca seguir fortalecendo a súa actividade científica, dar a coñecer o talento investigador dos seus profesionais e avanzar cara a unha atención sanitaria cada vez máis innovadora, baseada na evidencia científica e orientada ás necesidades da cidadanía.

Back to top button