OurenseÚltima hora

A provincia de Ourense non rexistra ningún incendio activo

Hai 3 incendios estabilizados, un deles o de Casaio-Carballeda de Valdeorras e outro o de Vilariño de Conso, e 8 controlados, entre eles os de Seadur (Larouco) e Chandrexa de Queixa

Foto: Carlos G. Hervella.

 

A provincia de Ourense non rexistra nestes momentos ningún incendio activo, segundo os últimos datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural e actualizados ás 14:45h. deste 28 de agosto. Hai 3 incendios estabilizados, un deles o de Casaio-Carballeda de Valdeorras e outro o de Vilariño de Conso, e 8 controlados, entre eles os de Seadur (Larouco) e Chandrexa de Queixa.

Estabilizado Avión-Nieva

Ás 14.42 horas de hoxe quedou estabilizado o lume do concello ourensán de Avión, parroquia de Nieva, que se orixinou ás 17.09 horas do domingo. Segundo as últimas estimacións afecta superficie de arredor de 250 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 5 técnicos, 34 axentes, 63 brigadas, 35 motobombas, 5 pas, 10 helicópteros e 8 avións.

 Estabilizado Carballeda de Valdeorras-Casaio

Está estabilizado desde as 21.01 horas de onte o incendio do concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que comezaba ás 18.42 horas do luns 18. Segundo as últimas estimacións provisionais, este lume, que entrou en Galicia desde Castela e León, afecta arredor de 5.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 58 axentes, 101 brigadas, 42 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 11 avións.

CONTROLADOS

Controlado Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín

Este incendio está controlado dende as 21.12 horas de onte. O martes 12 iniciouse no municipio ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un lume que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 169 axentes, 228 brigadas, 147 motobombas, 6 pas, 8 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 34 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado A Mezquita-A Esculqueira

Está xa controlado, dende as 21.12 horas de onte, o incendio do concello da Mezquita, parroquia da Esculqueira, que se iniciou o martes 12 ás 21.20 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 8 técnicos, 53 axentes, 74 brigadas, 61 motobombas, 4 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Controlado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas

O venres día 15 ás 16.38 horas iniciábase o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só, que está controlado desde ás 22.10 horas de onte e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 6 técnicos, 115 axentes, 196 brigadas, 111 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.

Controlado Larouco-Seadur

Desde as 22.01 horas de onte está controlado o incendio iniciado o mércores 13 ás 18.55 horas no concello ourensán de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 54 técnicos, 245 axentes, 319 brigadas, 255 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e estabilizado Vilariño de Conso-Mormentelos

Desde as 21.37 horas de onte están controlados os focos de Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita), mentres que o de Vilariño de Conso (Mormentelos) mantense estabilizado. Os incendios comezaron en Chandrexa o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o foco do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Segundo as últimas estimacións provisionais, o lume afecta unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 183 axentes, 231 brigadas, 133 motobombas, 21 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 34 helicópteros e 30 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlado Vilardevós-Vilar de Cervos

Está controlado desde as 14.56 horas de onte o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado o mércores 13 ás 18.09 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 23 axentes, 16 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 7 avións.

Controlado Montederramo-Paredes

Continúa controlado desde as 22.05 horas do venres, día 22, o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns 11 ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 14 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.

Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas do venres día 22. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 101 axentes, 157 brigadas, 88 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 19 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cómpre salientar que nos incendios estase a contar coa colaboración de bombeiros dos consorcios provinciais, bombeiros municipais, GES e servizos de emerxencias locais.

 

Back to top button