
Cinco grandes incendios permanecen activos arestora na provincia de Ourense, que segue en Situación 2 no seu conxunto, dous deles en Valdeorras: os de Carballeda e Larouco. Tamén continúa activo o de Chandrexa de Queixa-Mormentelos.
Os datos por incendio ás 21h. deste 22 de agosto, segundo a Consellería do Medio Rural, son os seguintes:
ACTIVOS
Activo Chandrexa de Queixa (Requeixo e Parafita) e Vilariño de Conso-Mormentelos
Os incendios no concello de Chandrexa de Queixa comezaron o venres 8, na parroquia de Requeixo, e o martes 12 na de Parafita. O xoves 14, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos. Os tres acabaron por unirse nun só lume que evoluciona favorablemente tras terse estabilizado os focos de Parafita e Requeixo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 19.000 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 158 axentes, 203 brigadas, 113 motobombas, 19 pas, 17 unidades técnicas de apoio, 32 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia-Gudín
O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres 15 ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 17.000 hectáreas, ademais de nas localidades de Oímbra e Xinzo de Limia, nas de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar. O lume permanece activo, malia que evoluciona favorablemente, tras quedar estabilizado o foco de Xinzo de Limia. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 146 axentes, 195 brigadas, 120 motobombas, 4 pas, 7 unidades técnicas de apoio, 18 helicópteros e 33 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo A Mezquita-A Esculqueira
Desde as 09.42 horas do martes 12 está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 7 técnicos, 48 axentes, 56 brigadas, 50 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 20 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.
Activo Larouco-Seadur
Desde as 18.55 do mércores 13 está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que afecta unha superficie estimada de máis de 30.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 51 técnicos, 215 axentes, 287 brigadas, 209 motobombas, 12 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 14 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Activo Carballeda de Valdeorras-Casaio (anteriormente A Veiga-A Ponte)
Desde as 18.42 horas de luns está activo un lume no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio (anteriormente denominado A Veiga-A Ponte), que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 3.000 hectáreas e que entrou en Galicia dende Castela e León. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 28 axentes, 42 brigadas, 22 motobombas, 2 pas, 6 técnicos, 10 avións e 11 helicópteros.
ESTABILIZADOS
Estabilizado Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas
O venres 15 ás 16.38 horas iniciouse o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só lume, que está estabilizado desde onte xoves ás 11.36 horas e que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 4.000 hectáreas, parte delas nos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 87 axentes, 152 brigadas, 86 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.
Estabilizado Vilardevós-Moialde
Ás 20.22 horas deste mércores estabilizouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns 11. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 600 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 28 axentes, 39 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.
Estabilizado Vilardevós-Vilar de Cervos
Ás 23.44 horas do martes 19 quedou estabilizado o incendio do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, iniciado mércores 13 ás 18.09. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas. Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 22 axentes, 14 brigadas, 15 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.
Estabilizado Vilardevós-Fumaces e a Trepa
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o incendio iniciado ás 17.41 horas do xoves 14 no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
Estabilizado Riós-Trasestrada
Estabilizado desde as 01.39 horas do martes 19 o lume que comezou o luns ás 14.33 horas no concello ourensán de Riós, parroquia de Trasestrada, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, no seu conxunto, 2 axentes, 2 brigadas, 1 motobomba, 2 helicópteros e 3 avións.
Estabilizado Montederramo-Paredes
Segue estabilizado desde as 10.35 horas do martes 12 o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04.50 horas e que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 120 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións.
CONTROLADOS
Controlado Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)
O domingo 10 e o martes 12 comezaron dous incendios forestais no concello ourensán de Maceda, nas parroquias de Castro Escuadro e Santiso, respectivamente. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume que quedou controlado ás 19.52 horas de hoxe venres. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.500 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 94 axentes, 152 brigadas, 84 motobombas, 11 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
EXTINGUIDOS
Extinguido Muíños-Requiás
Quedou extinguido ás 20.33 horas de hoxe o incendio do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que se iniciou ás 01.15 horas de hoxe e que afectou o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. O lume afectou finalmente unha superficie de 0,41 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 5 axentes, 11 brigadas e 7 motobombas.